Besteiro: «Lamentablemente confirmouse o que nos temíamos, o PP non quere que saia adiante esta Comisión de Investigación» 

por Redacción Galicia

. “Lamentablemente, confirmouse o que nos temíamos esta mañá: o Partido Popular está a levar a cabo un intento descarado de manipular a Comisión de Investigación, reducindo o número de comparecentes e eliminando nomes a través de reunións bilaterais fóra do marco acordado”. Así de contundente se mostrou esta tarde o portavoz dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, quen subliñou que “este intento do PP de adulterar e controlar a Comisión é unha burla á transparencia e á cidadanía, e os socialistas non o imos consentir baixo ningún concepto nin vetos nin componendas”.

Durante a reunión da tarde, a viceportavoz do Grupo Parlamentario Socialista, Elena Espinosa, reforzou este posicionamento, reiterando o rexeitamento firme a calquera manobra opaca. «O Grupo Socialista non permitirá nin un só veto nin modificación que altere as decisións desta Comisión de maneira escura e allea ao interese público», afirmou Espinosa, subliñando que o traballo da Comisión debe estar marcado pola transparencia e imparcialidade que a cidadanía espera e merece.

Espinosa lembrou tamén que, desde o pasado 15 de outubro, o Grupo Socialista solicitou formalmente o informe xurídico que o PP esgrimiu para rexeitar as propostas socialistas sobre o funcionamento da Comisión, sen recibir resposta ata o momento. «Esta negativa a responder engade máis sombras e incerteza sobre un proceso que debería ser claro e rigoroso en beneficio da cidadanía galega», advertiu Espinosa.

O Grupo Parlamentario Socialista reafirmou o seu compromiso de defender unha Comisión de Investigación limpa, libre de vetos e manobras políticas, e fiel ao seu propósito de servir á verdade e aos dereitos da cidadanía. «Parece que non vai ser así»

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario