Castiñeira: “PSOE e BNG subiron a auga, a contribución, a recollida do lixo e outros impostos municipais que agora escandalizan aos veciños e veciñas de Foz”

por Redacción Lugo

«Son centos de miles de euros que retiran dos petos dos cidadáns para malgastalos en políticas partidistas pouco útiles para o pobo», critica o voceiro popular, Javier Castiñeira

O Partido Popular sinala que PSOE e BNG subiron a auga, a contribución, a recollida do lixo e outros impostos municipais que agora escandalizan aos veciños e veciñas de Foz. Isto xa o denunciaran os populares naquel “xoves negro”, no pleno de novembro de 2023, no que o goberno de socialistas e nacionalistas acordaron incrementar gran parte dos impostos e taxas municipais.

Os veciños ven como o bipartito focense decidiu  subir a contribución por varios anos, a auga un 70%, o servizo da Residencia de Maiores unha media dun 50%, a recollida do lixo, a escola de música, as escolas deportivas, as licenzas de obras, a ocupación da vía pública, a expedición de documentos, as casetas da praia… “Polo tanto, son centos de miles d euros que retiran dos petos dos cidadáns para malgastalos en políticas partidistas pouco útiles para o pobo”, critica o voceiro popular, Javier Castiñeira.

“É lamentable que, despois de ver o sucio que está o pobo, cheo de baches e sen pintar, coas parroquias mal rozadas e coa baixa calidade na prestación dalgúns servizos, os focenses estean a sufrir a suba de impostos municipais máis grande da historia no peor momento posible ao coincidir cunha baixada do poder adquisitivo pola inflación destes últimos anos. Ademais, é unha aberración que o goberno máis caro da historia, con cinco dedicacións e no que apenas se falan uns concelleiros con outros, sexa o que promova o asalto aos bolsillos dos veciños máis grande dos últimos anos”, finaliza o voceiro do PP de Foz.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario