O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, advertiu que, á vista dos últimos datos sobre o uso do galego, “urxe articular medidas ben planificadas e ben dotadas economicamente para reverter a perda do uso do idioma propio, especialmente entre a mocidade”. Tras reunirse con representantes da plataforma Queremos Galego, avanzou que o Partido Socialista se vai sumar á “Declaración unitaria pola lingua” e que os e as socialistas de Galicia se mobilizarán o próximo 17 de novembro para que a manifestación en favor dun cambio de rumbo nas políticas sobre o galego “sexa un éxito”. Besteiro incidiu en que hai que traballar para “evitar que o seu uso siga caendo”.
O líder socialista recordou que unha das primeiras que lle trasladou a Rueda ao inicio desta lexislatura foi un gran pacto en favor da lingua. “Aínda que os últimos datos son terribles, xa que reflicten que o noso idioma desapareceu por completo das vidas do 50 % das persoas menores de 30 anos, non deixan de ser a continuación dunha tendencia que comezou tras racharse todos os consensos ao chegar o PP ao poder”, lamentou.
O secretario xeral considera que a Xunta, “para ser crible” cando tende a man neste asunto, “debe poñer sobre a mesa medidas urxentes” artelladas arredor dun programa de traballo e de fondos dabondo, algo que os socialistas pedirán “que se reflicta nos Orzamentos do 2025”.
“Non esquecemos que, a día de hoxe, o galego xa é unha lingua minoritaria en Galicia fronte ao Castelán”, remarcou.
Besteiro invitou a Rueda a propoñer un acordo baseado nun prognóstico acorde coa realidade, porque “xa lles escoitamos noutras ocasións, con datos xa alarmantes, culpar ás familias, agora aos inmigrantes…”, criticou. “Debe asumir responsabilidades propias para poder avanzar e non xogar ao escapismo”, subliñou.
Para os socialistas, as medidas que se adoiten para o fomento do galego deben incluír cambios lexislativos e iniciativas para prestixiar o idioma, porque o galego non só se debe impulsar no ensino coma unha competencia, senón fomentar que as nenas e os nenos queiran empregalo na súa contorna, no seu proceso de socialización, entretemento e ocio. “Para iso fan falla ofertas atractivas”, apuntou José Ramón Gómez Besteiro. “O futuro da nosa lingua depende do que fagamos agora para potenciar o seu uso na infancia e na mocidade”, insistiu.