O PPdeG interésase no Congreso polas actuacións sen executar nos Camiños de Santiago que comprometeu o Goberno central en 2019

por 21 Noticias

Os deputados do Partido Popular de Galicia no Congreso mostraron o seu interese, a través dunha serie de preguntas escritas que veñen de rexistrar, en coñecer o estado no que se atopan as actuacións sen executar nos Camiños de Santiago que comprometeu o Goberno central en 2019.

Hai cinco anos, antes da celebración do Xacobeo 21-22, o entón delegado do Goberno en Galicia, o socialista Javier Losada, puxo en valor unha serie de actuacións que tiña en marcha o Executivo central para mellorar as condicións dos Camiños de Santiago, concretamente nas rutas francesa, inglesa e portuguesa, ao seu paso por concellos das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra.

Neste momento, sinalan os populares, «resulta obvio» que as diversas actuacións non se executaron como estaban comprometidas. «Queremos saber detalladamente canto e en que se gastaron os 13 millóns de euros anunciados», expresa a deputada compostelá Marta González.

En primeiro lugar, os deputados galegos preguntan que actuacións executou o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible e cal foi o investimento con respecto aos 13 millóns de euros que comprometeu para mellorar as condicións nos tramos galegos que conflúen coa Rede Estatal de Estradas.

Así mesmo, cuestionan cando executará o Goberno central os tamén anunciados seis pasos inferiores, nos cruces do Camiño coa estrada nacional N-547, correspondentes aos termos municipais de Melide e Palas de Rei.

Por último, interésanse pola humanización da travesía N-550 en Padrón, tamén anunciada, que formaba parte das 19 actuacións de mellora das condicións dos cruces co Camiño e que ademais se podería beneficiar de fondos europeos Next Generation.

Cómpre salientar que, en contraste, o pasado mes de setembro o Goberno autonómico de Galicia anunciou que vai destinar ata 40 millóns de euros a mellorar a seguridade viaria dos peregrinos en 150 quilómetros do Camiño de Santiago, co obxectivo de afastar os peregrinos das zonas perigosas de circulación e fagan así a ruta nas máximas condicións de seguridade.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario