A través desta iniciativa, un total de 400 estudantes da provincia da Coruña visitarán o centro de investigación nos próximos meses.
O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña, que forma parte da Rede CIGUS,a cal integra a aqueles centros cuxa calidade e impacto de investigación foi acreditada pola Xunta de Galicia, acolle unha nova edición do proxecto “Incrúst@te: ¿qué é un grupo de investigación? Introdución á investigación en Química e Bioloxía”, en colaboración coa Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), do Ministerio de Ciencia e Innovación, e que busca incentivar a vocación científica entre alumnado de secundaria, bacharelato e Formación Profesional.
Este martes, o instituto coruñés IES Rafael Puga Ramón foi o primeiro grupo en iniciar estas visitas onde o alumnado puido coñecer o centro e os seus laboratorios. Durante os próximos meses, ata 400 estudantes da provincia daCoruña visitarán o centro de investigación.
Entre aqueles que realicen as visitas ao centro, 16 serán seleccionados, a través dunha carta de motivación, para “incrustarse” durante tres días no centro, onde poderán realizar unhas prácticas experimentais baixo a supervisión do persoal investigador. O alumnado poderá escoller algunha das catro grandes áreas (Biotecnoloxía, Medio Ambiente, Novos Materiais e Biomedicina) ás que pertencen os grupos de investigación participantes.
Tralo seu paso polo CICA, terá lugar, como en anteriores edicións, un congreso científico no que todos os estudantes participantes poderán expoñer o seu traballo con pósters e presentacións orais ante un xurado. As catro iniciativasque saian finalistas poderán realizar unha estancia de ata dúas semanas no centro de investigación para profundar máis no seu proxecto.
Incrústate é unha iniciativa activa dende 2017, que busca fomentar a vocación científica nos máis novos para que poidan coñecer o sector de primeira man, aumentar o número de vocacións científicas e dar a coñecer as titulacións da Facultade de Ciencias da UDC, ademais de dar visibilidade ao traballo dopersoal investigador e ao papel da muller na Ciencia. Polas anteriores edicións realizadas pasaron xa máis de 1.200 estudantes.
Para solicitar unha visita escolar, os centros educativos poden inscribirse a través do correo electrónico comunicacion.cica@udc.gal, ata completar o aforo máximo.
Sobre o CICA
O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) creouse en 2015 como un centro de investigación de ciencias avanzadas que conta con máis de 200 investigadores e investigadoras pertencentes a tres áreas científicas: Biomedicina; Alimentación, Contaminación e Saúde; e Nanociencia e Materiais Avanzados.
Desde 2024, o CICA conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación.
A excelencia investigadora, a transferencia tecnolóxica e a transmisión de coñecemento á sociedade forman os tres piares sobre os que se fundamenta o centro de investigación. É recoñecido pola atracción de talento, a visibilidade da muller científica e a promoción da igualdade de xénero, contando cunha presenza feminina superior ao 50%.