Trátase da segunda visita ao exterior nesta lexislatura tras o periplo realizado pola Arxentina no pasado mes de maio.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, realizará unha viaxe institucional a vindeira semana ao Brasil para reunirse con empresarios, visitar a colectividade galega no país e manter contactos coas autoridades locais.
Trátase da segunda viaxe ao exterior do titular do Goberno galego nesta lexislatura -logo da visita a Arxentina en maio- que tivo que ser aprazada o pasado mes de setembro ao coincidir coa data na que o presidente do Executivo estatal, Pedro Sánchez, convocou a Rueda a manter unha reunión na que avaliar temas de interese para Galicia.
O presidente visitará, entre o 19 e o 22 de novembro, Sao Paulo e Río de Janeiro. O obxectivo é consolidar a atención á colectividade, reforzar os lazos económicos co país, abrir portas ao empresariado galego e aproveitar a oportunidade que ofrece o feito de que Brasil sexa un país lusófono.
Para iso, Rueda visitará diferentes asociacións e centros de galegos na diáspora; manterá encontros con entidades empresariais e reunirase con autoridades deste país que conta cunha gran presencia de emigración galega e un amplo tecido produtivo de orixe galego, con especial relevancia nalgúns eidos coma a hostalaría.
Durante a viaxe, o presidente da Xunta poñerá en valor a Estratexia Retorna Galicia, dotada dun cento de medidas, coas que o Executivo autonómico quere facilitar o retorno de 30.000 galegos que viven fóra da comunidade. Entre os apoios que ofrece a Administración autonómica para o retorno están bolsas para estudar mestrados ou FP, axudas directas para afrontar os gastos iniciais do traslado ou incentivos para emprender.