.- A Coruña acollerá esta fin de semana a oitava edición do congreso de profesionais do turismo Nego.Connection 2024, un dos principais encontros do sector turístico en España a nivel internacional que reunirá a máis de 600 profesionais procedentes de diversos puntos do mundo. Con esta edición, que se celebra baixo o lema “Reenfocando cara novas oportunidades”, a cidade converterase no centro de atención do turismo acollendo durante os días 15, 16 e 17 de novembro a persoas expertas en diversas áreas como axencias de viaxes, oficinas de turismo, compañías aéreas e DMCs (Destination Management Companies), entre outros.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presentou o evento que terá Palexco como sede principal e que contará con diferentes actividades profesionais, formativas e de lecer. Castro sinalou que o obxectivo deste evento é promover a interacción entre os distintos axentes turísticos, facilitar a conexión entre empresas e clientes e amosar o enorme potencial turístico de A Coruña: “Nego.Connection é unha grande oportunidade para que coñezan a cidade aquí, empapándose da nosa Cultura de Vivir” explicou. En total, máis de 120 empresas turísticas ofrecerán os seus servizos a axencias de viaxes, converténdose en auténticos escaparates do sector.
Óscar Regal, driector de Viajes Embajador, reivindicou a importancia de atraer o congreso á cidade non só polo gasto directo en hostalería, restauración e servizos, senón tamén polo efecto positivo na proxección da cidade. Así mesmo, Santos García, director xeral de Nego, destacou
que o 60% das persoas que participan no congreso non visitaran nunca Galicia e o 90% viaxan á Coruña por primeira vez.
A celebración de Nego.Connection 2024 avanza na consolidación da cidade como destino de turismo MICE (reunións, incentivos, congresos e exposicións) seguindo a liña marcada polo Goberno de Inés Rey no pasado mandato, co obxectivo de mostrar a capacidade organizativa e a infraestrutura da cidade, así como o seu potencial para acoller grandes eventos.
Actividades de Nego.Connection
O congreso dará comezo o venres 15 de novembro co III Maratón formativo en destinos, onde catro receptivos Nego impartirán clases maxistrais sobre destinos como India, Xeorxia, Sudáfrica e Perú. O venres pola tarde, celebrarase un workshop no que participarán máis de 90 destinos e no que as oficinas de turismo, DMCs e asesorías de Nego presentarán as súas ofertas.
O sábado, a xornada comezará cun discurso de Santos García, director xeral de Nego, seguido dunha ponencia motivadora a cargo de Fernando Botella, business trainer. A continuación, terá lugar o segundo workshop, no que operadores nacionais e compañías aéreas establecerán contactos cos asesores de viaxes presentes no evento. Ademais, os participantes gozarán dunha experiencia gastronómica única no restaurante Árbore da Veira, galardoado cunha Estrela Michelín.
Como peche do evento, o domingo celebrarase un almorzo de despedida para todos os asistentes. Durante estes días, os congresistas tamén poderán participar nunha gymkhana por equipos na Cidade Vella de A Coruña, na que máis de 400 profesionais competirán en máis de dez localizacións emblemáticas da cidade.