Unha sentenza recoñece a síndrome do túnel carpiano como enfermidade profesional

por Redacción Galicia

CCOO HÁBITAT celebra a ratificación da sentenza que recoñece a síndrome do túnel carpiano como enfermidade profesional no sector da axuda a domicilio

Comisións Obreiras (CCOO) celebra a ratificación dunha importante sentenza por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que recoñece que o síndrome do túnel carpiano que padece a traballadora afiliada a CCOO, auxiliar de axuda a domicilio, se considera enfermidade profesional. O tribunal desestimou o recurso interposto polo Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) e confirma a sentenza orixinal, na que se declaraba que a baixa da traballadora derivaba da súa actividade laboral e non dunha enfermidade común.

A sentenza, emitida no Recurso de suplicación 0000528/2024, establece que as tarefas repetitivas que realiza a traballadora —como o levantamento e coidado de persoas dependentes, o traslado de obxectos pesados e os labores de limpeza— esixen esforzos físicos que poden causar a síndrome do túnel carpiano, mesmo se esta enfermidade non figura no cadro de enfermidades profesionais do Real decreto 1299/2006.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia subliña que, malia a exclusión da síndrome do túnel carpiano do cadro de enfermidades profesionais para a categoría de auxiliar de axuda a domicilio, a relación de causalidade entre a patoloxía e as tarefas laborais da traballadora é clara. A sentenza tamén pon de manifesto a perspectiva de xénero, dado que a profesión de auxiliar de axuda a domicilio está fortemente feminizada, o que implica unha discriminación indirecta ao non recoñecer a enfermidade como derivada do traballo nun sector con altos niveis de esforzo físico.

O sindicato CCOO, que representou a traballadora afiliada durante todo o proceso xudicial, destaca que esta decisión non só é unha vitoria para a traballadora, senón para todas as auxiliares de axuda a domicilio e profesionais de sectores semellantes, que se enfrontan a miúdo a enfermidades derivadas de tarefas repetitivas e posturas forzadas sen o adecuado recoñecemento das continxencias laborais.

A sentenza tamén implica que o Instituto Nacional da Seguridade Social, a Tesourería Xeral da Seguridade Social, o Servizo Galego de Saúde (Sergas), a Mutua MC Mutual e a empresa Servisar Servizos Sociais SL deben asumir a responsabilidade desta declaración e proporcionarlle á traballadora as prestacións correspondentes.

CCOO HÁBITAT reafirma o seu compromiso coa defensa dos dereitos laborais e o recoñecemento das enfermidades profesionais, especialmente en sectores con condicións de traballo precarias ou pouco protexidas pola lexislación. Esta sentenza representa un paso crucial cara á mellora da protección da saúde laboral en sectores como a axuda a domicilio e demostra a importancia de continuar loitando por condicións laborais xustas e seguras para todos os traballadores e traballadoras.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario