Mónica Rodríguez, María Arcos e Alba Sánchez gañan o concurso de microrrelatos  #HoxeEscriboEn 2024

por Redacción A Coruña

Nesta edición, a duodécima, presentáronse 126 traballos de 45 concellos da provincia da Coruña.

Xa se coñecen os gañadores do 12ºConcurso #HoxeEscriboEn Relatos para viaxar polos concellos da provincia da Coruña, convocado pola Biblioteca Provincial e o departamento de Turismo da Deputación. O primeiro premio foi para Mónica Rodríguez Romero, por Ecoglita, a rocha ventureira (referido ao Concello de Cariño); o segundo, para María Arcos Cebreiro, por Amar ata esmorecer (Rianxo), e o terceiro, para Alba Sánchez Ares, por Fin da Terra (Fisterra). 

Nesta edición, á que se presentaron 126 microrrelatos chegados de 45 concellos da provincia da Coruña, o xurado estivo presidido polo vicepresidente e titular de Turismo da Deputación, Xosé Regueira, e formado polas vogais Maite Loureiro, xefa de Servizo de Turismo; Paula Cabado, técnica da Turismo, e Patricia Cernadas, especialista en literatura. Actuou como secretaria María Lema, técnica da Biblioteca Provincial. 

De Ecoglita, a rocha ventureira, o comité avaliador destacou “o seu estilo fluído, orixinalidade, creatividade e calidade literaria, así coma a posta en valor do patrimonio natural no Xeoparque Cabo Ortegal”.

De Amar ata esmorecer, no que son protagonistas Rafael Dieste e Castelao, o xurado valorou “a narración desde unha perspectiva de voz feminina, cunha gran calidade literaria onde se reflicte o patrimonio cultural e a historia local de Rianxo”. 

Radio Fin Da Terra é, argumenta o xurado, “un microrrelato escrito con ironía e humor ambientado en Fisterra; un traballo da fin da terra orixinal e cunha adaptación da historia local con toque de humor”.

Ademais da noite para dúas persoas da que desfrutarán os vencedores nun establecemento da provincia, con cea e almorzo incluídos, sortearanse 30 lotes de produtos gastronómicos entre os textos mellor valorados polo xurado, quen destacou “a calidade dos traballos presentados, acordes á temática, e a alta participación, cun aumento no número de concellos participantes, máis da metade de todos os da provincia”.

Con #HoxeEscribo, a Biblioteca Provincial e o departamento de Turismo da Deputación queren fomentar o talento creativo, animar a escribir e a ler e  difundir do patrimonio cultural e turístico dos concellos da provincia da Coruña, axudando así a sensibilizar sobre o patrimonio cultural, natural e medioambiental de cada un e a importancia de preservalo.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario