O Concello de Laracha volve reciber tres flores de honra no certame “Vilas en Flor”

por Redacción A Coruña

A iniciativa é impulsada pola Fundación Juana de Vega en colaboración coa Asociación de Viveristas do Noroeste e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería.

O Concello volveu ser galardoado con tres Flores de Honra na gala do certame Vilas e Flor celebrada esta mañá na localidade pontevedresa de Salvaterra de Miño. O tenente alcalde e concelleiro de Medio Ambiente, José Ramón Martínez Barbeito, representou á Laracha no acto e recolleu o diploma acreditativo.

O Concello repite o galardón que xa lle fora concedido o ano pasado neste certame impulsado pola Fundación Juana de Vega en colaboración coa Asociación de Viveristasdo Noroeste (ASVINOR) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (AGAEXAR).

A Laracha obtén o distintivo polo traballo desenvolvido desde o Concello en diferentes áreas relacionadas coa xestión medioambiental en eidos como a conservación de espazos naturais, parques e xardíns, iniciativas para a recuperación de áreas de alto valor natural (Ribeira de San Fins e área verde do parque empresarial a través do proxecto Alanat), a posta en valor da memoria vinculada ás antigas telleiras, a xestión dos residuos e do ciclo da auga, a calidade dos equipamentos e mobiliario urbano, os programas dirixidos ao aforro enerxético e o uso turístico dos espazos verdes.

Vilas en Flor naceu en 2018 coa finalidade de poñer en valor a riqueza natural e paisaxística de Galicia. A iniciativa pretende a mellora estética e funcional do territorio mediante o recoñecemento público daquelas actuacións medioambientais enriquecidas con obras de axardinamento, ornamentación floral, mobiliario urbano e espazos lúdicos. Deste xeito, os Concellos son recoñecidos pola súa contribución ao desenvolvemento local a través da paisaxe, xerando actividade do propio sector da planta ornamental e da xardinería, así como un aumento de visitas turísticas. De feito, existen rutas específicas para os concellos que participan neste tipo de programas, construíndo así unha marca recoñecida e de calidade local.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario