A peza do artista Álvaro de la Vega será presentada o xoves 21 de novembro ás 17.00 horas nun lugar destacado do Cemiterio Municipal.
O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Participación e Servizos para a
Veciñanza, Cristina López, visitaron o emprazamento no Cemiterio Municipal onde avanza a instalación da escultura que homenaxeará ás persoas represaliadas durante a Guerra Civil e a ditadura franquista. Durante a visita, comprobaron a recente colocación da base que sosterá a peza, realizada polo recoñecido artista Álvaro de la Vega.
Rubén Arroxo lembrou que a escultura será inaugurada nun acto público o vindeiro xoves 21 de novembro ás 17:00 horas. Este evento, que terá lugar nun lugar destacado do Cemiterio Municipal de San Froilán, combinará música, poesía e memoria, reafirmando o compromiso do Concello coa recuperación da memoria histórica.
O acto realizarase o día 21 de novembro, xusto ao día seguinte do 49º aniversario da morte do ditador Francisco Franco, abrindo así un novo ciclo de lembranza e reflexión sobre as vítimas da represión
franquista e a importancia da recuperación da memoria histórica.
Un acto para lembrar e reflexionar
O acto de homenaxe contará coa participación de figuras destacadas da cultura galega, como o músico Xosé Luis Rivas “Mini”, encargado de abrir o evento cunha intervención musical, e que será acompañado coa
lectura de diversos textos. Ademais, o autor da escultura, Álvaro de la Vega, estará presente para explicar o significado e a intención da súa obra.
O Tenente Alcalde destacou a relevancia desta iniciativa como parte dun compromiso colectivo coa memoria histórica, “xa que este monumento non só honra ás vítimas da represión, senón que tamén nos convida a reflexionar sobre a importancia de preservar a nosa memoria histórica para construír unha sociedade máis xusta e democrática.” Trátase dunha escultura que simboliza o respecto e a dignidade que merecen as vítimas, á vez que reforza a conexión da cidadanía coa súa propia historia.
A inauguración rematará cun xesto simbólico onde as persoas asistentes recibirán cravos brancos, que serán depositados ao pé da escultura como mostra de respecto e recordo. O Concello de Lugo convida á veciñanza a participar neste acto de memoria e homenaxe.