Rego esixirá ao MAPA evitar calquera novo recorte de cotas que prexudique a frota pesqueira galega

por Redacción Galicia

Rego preguntará a Planas a disposición do Goberno para «vetar calquera redución de cotas que siga afectando a viabilidade do sector pesqueiro galego»

Durante a sesión de control no Congreso, o BNG defenderá os intereses da frota pesqueira galega ante o Goberno e urxirao a desenvolver «todas as accións necesarias  e contundentes» que eviten novos recortes nos TACs e cotas

Madrid, 15 de novembro de 2024. O Bloque Nacionalista Galego será a voz do sector pesqueiro galego durante a vindeira sesión de control ao Goberno do Estado e exixirá ao Ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación comprometerse na defensa da frota pesqueira galega e vetar calquera redución de cotas que siga afectando a viabilidade da frota pesqueira galega. O deputado do BNG, Néstor Rego, demandará a Planas unha posición firme e decidida do executivo estatal na defensa dos intereses do sector.

Durante a vindeira sesión de control ao Goberno no Congreso, o deputado do BNG intervirá para preguntar sobre a disposición do executivo «a vetar calquera redución de cotas que siga afectando a viabilidade da frota pesqueira galega». Néstor Rego alzará a voz na defensa do sector pesqueiro galego e demandará a Luis Planas, Ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación que leve a cabo todas as actuacións necesarias para evitar novos recortes de TACs e cotas.

En primeiro lugar, o BNG reclamará ao Goberno que faga valer a sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) do pasado 11 de xaneiro, que subliña a importancia de considerar non só os aspectos ambientais, senón tamén os sociais e económicos á hora de fixar as cotas pesqueiras. «Esta sentenza estabelece unha perspectiva máis ampla, que o BNG considera esencial para garantir que non se impoñan medidas que obriguen á paralización da frota pesqueira galega» sinala Néstor Rego.

Do mesmo xeito, o deputado nacionalista apunta a necesidade de que o Goberno exixa, nas vindeiras negociacións de pesca para 2025 na Unión Europea, os estudos científicos e socioeconómicos necesarios que poidan contribuír a determinar a situación real dos stocks para un estabelecemento acorde dos TAC en cada caso e que permitan a planificación do sector e a súa viabilidade a longo prazo. «O Goberno debe vetar calquera redución de cotas que contraveña o estabelecido pola sentenza do TXUE, especialmente aquelas que poidan afectar negativamente a viabilidade da pesca de baixura, tan relevante para a economía galega» subliña Rego.

«O Ministerio de Pesca ten que levar a cabo unha xestión interna das cotas que correspondan en cada caso que impida a distorsión que se dá na actualidade entre as distintas zonas do Estado e que non sexa causa da especulación das posibilidades de pesca e da discriminación que se vén producindo até o de agora coa frota galega» afirma Néstor Rego.

Sobre os paróns forzosos ou os períodos de inactividade obrigatoria debido aos paros biolóxicos, a organización nacionalista solicitará medidas de cobertura económica para a frota pesqueira que, do punto de vista do BNG, deberán ser tramitadas de maneira «áxil e cun prazo máximo de tres meses desde a súa convocatoria». Ademais, o Bloque esixirá ao Goberno español que defenda na UE a exclusión da xarda procedente de países que asignen cotas desta especie de forma unilateral, protexendo así o mercado europeo e o sector pesqueiro galego.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario