Besteiro denuncia uns orzamentos que “traizoan a Galicia”

por Redacción Galicia

“Escoitou onte a Galicia, señor Rueda? Galicia ama o seu idioma. O que non parece querelo é o seu partido”. Besteiro incidiu nos 15 anos de retroceso na protección da lingua, cualificando a situación actual de “emerxencia lingüística”.

O portavoz socialista, José Ramón Gómez Besteiro, acusou hoxe ao Goberno de Alfonso Rueda de presentar uns orzamentos para 2025 que reflicten “unha Galicia estancada, sen rumbo nin ambición”. Besteiro cualificou as contas de “escurantistas e pouco ambiciosas”, incapaces de afrontar os retos económicos e sociais e que perpetúan un modelo que beneficia ás elites a costa da maioría: “Estes orzamentos non son os que Galicia necesita nin merece, están renunciando a aproveitar unha oportunidade histórica para transformar o país”.

Besteiro cualificou o executivo de Rueda como «o goberno do 50%», aludindo á ineficacia na xestión de recursos esenciais. «Deixan sen executar a metade dos fondos europeos dispoñibles, o 40% dos proxectos nin sequera rexistran pagamentos, e desaproveitan un de cada dous euros transferidos nos Fondos de Cohesión», lamentou. 

En vivenda, unha área marcada pola emerxencia habitacional, a Xunta non executa o 43% dos fondos transferidos polo Estado, mentres máis de 18.000 galegos agardan por unha vivenda pública e os alugueiros absorben máis do 50% dos salarios da mocidade.

Para o voceiro socialista, este abandono contrasta co tratamento preferente ás elites. “Destínanse 259 millóns anuais a rebaixas fiscais que benefician aos seus amigos, ás grandes fortunas, e 297 millóns a rescatar concesionarias de autoestradas, mentres as familias pagan máis polo lixo e soportan subas constantes nos custos básicos», denunciou Besteiro. 

Fronte a Isto: 650.000 galegos e galegas viven en risco de pobreza ou exclusión social -50.000 máis que en 2023- para os que só destinnan17 millóns de euros, “creo que é indecente”, dixo. 

Besteiro tamén alertou sobre as emerxencias que as políticas do PP están a agravar. «Estamos en emerxencia sanitaria: a precariedade na atención primaria, as listas de espera interminables e a falta de recursos para saúde mental ou investigación evidencian o abandono do sistema público», explicou. En educación, as políticas da Xunta non apostan pola innovación nin por reducir a fenda educativa. 

E no ámbito cultural,  o voceiro denunciou unha emerxencia lingüística tras 15 anos de retroceso na protección do galego. Escoitou onte a Galicia, señor Rueda? Galicia ama o seu idioma. O que non parece querelo é o seu partido”. 

O socialista tamén criticou o impacto destes orzamentos sobre os servizos sociais. Os concellos, segundo Besteiro, están ao bordo do colapso financeiro pola imposición de competencias sen fondos adicionais. Mentres, en lugar de reforzar a atención social, a Xunta recorta partidas esenciais como a rehabilitación de vivendas, deixando de lado a mozos e familias que non poden acceder a un fogar.

En contraposición, o PSdeG propón alternativas que poñan ás persoas no centro das políticas públicas. Entre elas destacan a creación dun Banco Público de Aluguer para mobilizar vivendas baleiras e garantir prezos accesibles; un reforzo decidido da sanidade pública, priorizando a atención primaria e a saúde mental; e unha aposta polas enerxías renovables, aproveitando o potencial de Galicia para liderar a transición verde en Europa.

Besteiro rematou a súa intervención cunha mensaxe clara: “Estes orzamentos son a proba de que Rueda goberna contra o futuro, a lingua e a sociedade. Galicia merece máis: merece políticas que prioricen o benestar colectivo, a igualdade e a ambición de construír un país para todos, non para uns poucos”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario