Ugia Pedreira é a comisaria dun ciclo que pon o foco na música como ferramenta social e terapéutica e que contará coa propia Pedreira como relatora, e con Antoni Rodríguez Fornells, Robert Pier, Mihaela Duma, Cristian Terán, Antonio Salas, Laura Navarro e Chefa Alonso
O Pazo de Mariñán acollerá este venres unha nova edición das xornadas de “A cultura é un dereito” que organiza a área de cultura da Deputación. Trátase da 18ª xornada que, nesta ocasión, poñerá o foco na relación entre arte e saúde e, baixo o nome ‘Arte e saúde. A música’, contará coa participación de Ugía Pedreira como comisaria e relatora, e tamén de outros profesionais dos dous ámbitos como Antoni Rodríguez Fornells, Robert Pier, Mihaela Duma, Cristian Terán, Antonio Salas, Laura Navarro e Chefa Alonso. A inscrición está aberta ata o 20 de novembro e pode realizarse.
Na xornada abordaranse as actividades culturais e artísticas como medio para promover a saúde, “mellorar enfermidades físicas e mentais, aportar beneficios ao noso benestar e apoiar tratamentos sanitarios a nivel cognitivo, emocional e físico en todas as etapas da vida”, afirma Ugia Pedreira.
A Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento e a Asociación A Memoria é Náufraga colaboran na organización dun ciclo que reunirá a destacados especialistas: a propia Pedreira; Antoni Rodríguez Fornells, profesor de Investigación ICREA no Instituto de Investigación Biomédica de Bellvitge e na Universidade de Barcelona; o guitarrista e compositor Robert Pier; a pianista Mihaela Duma; o narrador Cristian Terán; o catedrático da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela Antonio Salas, a musicoterapeuta e pianista Laura Navarro, e Chefa Alonso, doutora en Performing Arts pola Brunel University, licenciada en Medicina pola USC, saxofonista, compositora, improvisadora e docente.
A xornada está dedicada á relación entre arte e saúde e porá o foco na música como ferramenta social e terapéutica. Inclúe relatorios, un obradoiro de improvisación libre aberto ao público e unha mesa redonda
na que Pedreira explicará o proceso creativo de “Basal”, o seu traballo musical máis recente; Pier, paciente de hemiparesia e outras patoloxías mentais, falará de como integrar a diversidade funcional dentro do ámbito cultural de forma accesíbel; e Duma, diagnosticada de esclerose múltiple, contará a súa experiencia coa enfermidade como testemuña e divulgadora desde os ámbitos da educación o pensamento e a comunicación.
“Conscientes de que a cultura é un dereito, trasnversal ás nosas vidas, promovemos estas xornadas para afondar en outros aspectos da vida cotiá, tan esenciais como a saúde, e que están profundamente ligados
coa arte e a cultura en xeral”, sinalou a deputada de cultura, Natividade González.
Programa
10.15-11.45 h. “Música e cerebro: bases cerebrais do procesamento
musical. O potencial da música na neurorehabilitación”. Antoni
Rodríguez Fornells.
12.15-14 h. Mesa ‘Experiencias de vida’:
* “Basal. Composición e diversidade funcional desde o
corpo-casa”. Ugia Pedreira.
* “O meu mestre, o lado esquerdo”. Robert Pier.
* “Un camiño cara a superación da esclerose múltiple”. Mihaela
Duma e Cristian Terán.
16-17:30 h. “Proxecto de investigación: Sensoxenoma”. Antonio Salas
e Laura Navarro.
18-20 h. Obradoiro de improvisación libre, de participación aberta ao
público. Con Chefa Alonso.
A asistencia á xornada é de balde e o aforo, limitado. A inscrición pode formalizarse dende mañá 1 de novembro ata as 16 horas do 20 de novembro. O formulario está dispoñible na sección habilitada na web
de ‘A cultura é un dereito’.