PSdeG: “O PP entorpece de novo a Comisión de Investigación da trama de amiguismo e o sobrecuste do Cunqueiro con citacións express e secuestro de información”

por 21 Noticias

O Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia denuncia as manobras do Partido Popular para seguir entorpecendo a investigación sobre a trama de amiguismo e favoritismo con centos de contratacións a dedo e o sobrecuste do Hospital Cunqueiro. Estas manobras comezaron cos vetos aos principais líderes do seu partido e continúan agora con citacións express e un comportamento opaco e manipulador sobre os comparecentes.

O Partido Popular impediu que as figuras clave desta trama comparezan na Comisión, vetando as comparecencias dos principais responsables políticos ligados a prácticas de nepotismo e favoritismo, como Núñez Feijóo, Paula Prado… Agora, as citacións están a ser realizadas en condicións de dubidoso cumprimento do regulamento, con prazos insuficientes, notificacións improvisadas e incluso casos nos que as persoas convocadas se enteran pola prensa da súa citación, o que pode vulnerar os dereitos das persoas citadas.

Estas prácticas son unha mostra clara da falta de vontade do PP para permitir unha investigación seria e transparente, e supoñen un ataque aos dereitos das persoas comparecentes e ás expectativas das galegas e galegos que demandan respostas.

Un paripé desde o primeiro momento

A estratexia do PP para manipular e bloquear a Comisión evidencia que nunca tiveron intención de permitir unha investigación real, sinalan desde o Grupo Socialista. Desde o inicio, denuncian, “buscaron convertela nun paripé para encubrir as súas responsabilidades e desviar a atención sobre unha xestión escandalosa que deixou graves consecuencias económicas e sociais”.

Ademáis, os socialistas chaman a atención sobre o feito de que a Comisión de Investigación arranque este xoves “e o faga sen que teñamos a documentación básica para facer o noso traballo, una proba máis dos obstáculos que temos no camiño á verdade”, sinala Elena Espinosa, viceportavoz socialista, que pide tempo para analizar a información «cando esta chegue».

Os socialistas seguirán traballando para que a Comisión cumpra o seu obxectivo, que non é outro que «esclarecer os feitos e esixir responsabilidades políticas e económicas por estas irregularidades».

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario