O delegado territorial de Lugo participou hoxe na presentación do Dojo Arena, que reunirá aos deportistas máis recoñecidos nestas disciplinas que contan cada vez con máis seguidores no noso país.
A Xunta patrocina o encontro Dojo Arena, a primeira feira nacional de deportes de contacto e artes marciais, que se celebrará entre o 22 e 24 deste mes no Pazo de Feiras de Lugo. O delegado territorial, Javier Arias, e o organizador do evento, Fredi Mosteirín, presentaron esta mañá o evento, xunto a representantes das demais entidades colaboradoras.
A feira contará con seminarios, charlas e exhibicións a cargo dalgunhas das figuras máis destacadas nas diversas disciplinas dos deportes de contacto e das artes marciais a nivel mundial, como o campión de BKFC, Franco Tenaglia; os campións do mundo de muay thai, Antonio Orden e Yohanna Alonso; o campión de kickboxing, Rubén Rondon; o campión de Europa e de España de boxeo, Ángel Moreno ‘Golden Boy’; ou os loitadores de MMA César Alonso e Aitana Álvarez.
Entre os pratos fortes do evento, o venres celebrarase a velada Dojo Arena Nacional de Boxeo e o sábado, a de kickboxing, con doce combates cada unha delas. O domingo, a xornada estará dedicada á loita contra o bullying, o acoso escolar e a violencia de xénero, con diversas actividades dirixidas á sensibilización e a prevención fronte a estas problemáticas.
Na Dojo Arena participarán ademais preto de trinta expositores que presentarán material e servizos relacionados cos deportes de contacto e as artes marciais. Durante os tres días que dura a feira haberá tamén actuacións musicais en directo, como as do rapeiro LeSoul 33 e o DJ Christian Preciado, cursos de defensa persoal, espectáculos de humor, fooktrucks e estudos de tatuaxe a disposición dos espectadores.
Javier Arias destacou “a relevancia desta feira pioneira que durante tres días converterá a Lugo no epicentro dos deportes de contacto e das artes marciais, disciplinas que están en auxe nos últimos anos impulsadas polos éxitos dos deportistas españois, a incorporación de cada vez máis mulleres a estas prácticas e tamén pola visibilidade que lle dan eventos coma este que bota a andar en Lugo”.
O delegado agradeceu aos organizadores o traballo realizado para traer á cidade este campionato, que se celebra por primeira vez en España, e puxo en valor o apoio do Goberno galego aos eventos deportivos como o Dojo Arena “que non só supoñen fomentar a práctica do deporte e darlle visibilidade aos nosos deportistas, senón que tamén funcionan como escaparate para a promoción turística da nosa provincia”.