Besteiro denuncia que o PP converte na “comisión do disparate” a investigación sobre os contratos da Xunta

por Redacción Galicia

“Houbo comparecentes que se enteraron pola prensa de que tiñan que vir e de cando tiñan que vir, pero tamén se enteraron pola prensa de que eles mesmos dixeron que non ían vir”, criticou o secretario xeral sobre o “paripé” no que os populares transformaron a comisión.

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, criticou que, “nun camiño esperpéntico”, o Partido Popular converteu na “comisión do disparate” a investigación sobre a construción do Hospital Álvaro Cunqueiro, as adquisicións de material sanitario durante a crise da covid por parte da Xunta e a contratación da Administración autonómica con familiares de cargos do PP.

“A día de hoxe só coñecemos a través dos medios de comunicación a orde do día da semana que vén e os comparecentes que van acudir”, explicou o tamén portavoz do Grupo Socialista durante unha comparecencia hoxe no Parlamento, na que aproveitou para para felicitar á prensa, que é “a que transmite toda a información”.

Logo de que se anularan as comparecencias de mañá, xoves, “evidentemente polas irregularidades desa convocatoria”, incluídas “citacións exprés”, describiu como unha “falta de respecto” a actitude do PP. “Hai persoas que ían comparecer o xoves que nunca confirmaron se ían vir ou non, aínda que aos medios lles dixeron outra cousa”, condenou. Por enriba, algúns deses comparecentes “enteráronse tamén pola prensa de que tiñan que vir  e de cando tiñan que vir, pero tamén se enteraron pola prensa de que eles mesmos dixeran que non ían vir”, relatou para facer patente como os populares están a manexar a situación á súa conveniencia.

“Ese é o respecto que o Partido Popular demostra polos seus comparecentes, porque lles lembro que os que van vir a esta comisión son única e exclusivamente os que propuxo o PP”, afeou Besteiro, que volveu recorreu á ironía para suxerir que “igual nos enteramos pola prensa de que ao final ven Alberto Núñez Feijoo”. “Non perdamos a esperanza sobre isto”, remachou.

O líder socialista tamén se referiu á documentación precisa para avanzar nos traballos de investigación. “Xa non é que non teñamos a que pedimos nós, que, como saben, quedou fóra. É que tampouco temos a documentación que o propio Partido Popular pediu, e iso a dous días de que se inicien as comparecencias”, reprobou. “Estamos pensando seriamente pedirlle á presidencia amparo para o PP, para que se atendan as súas demandas, que non se cumpren”, dixo tirando de retranca para concluír que, tal e como os socialistas “profetizaron” en semanas pasadas, “todo isto é un paripé” do PP.

José Ramón Gómez Besteiro lembrou “como se bloquearon as emendas que o Partido Socialista presentou para dotármonos dunha verdadeira comisión de investigación, cun funcionamento transparente e rigoroso”, co fin de poñer luz e acadar “unha absoluta transparencia”. Por iso, sinalou que, pese a que os populares insisten en ser os primeiros interesados “en que a verdade resplandeza porque non lle teñen medo”, ao final están mostrando que “si llo teñen”.

O secretario xeral avanzou, pola contra, que os socialistas non se van deter no seu obxectivo de “que haxa transparencia, e que se coñeza toda a irresponsabilidade que presuntamente se cometeu por parte do Partido Popular”, tanto na construción do hospital de Vigo como nas contratacións que favorecen a familiares e amigos de cargos do PP. “Nós imos seguir o noso camiño, pouco a pouco, e tamén fóra da comisión, facendo traballo de investigación para que a transparencia trunfe”, afirmou o portavoz do Grupo Socialista.

“Non sei quen está levando esta comisión por parte do Partido Popular, pero non me extrañaría nada que fose un familiar, aínda que supoño que non lle pagarán para organizar todo isto”, dixo, e engadíu, para concluír: “En todo caso, o disparate só ten un responsable, o PP”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario