Os senadores do PP por Lugo engadiron expresamente a proposta para a execución das variantes de Os Peares-Canabal e Rubián a unha iniciativa do BNG que saíu adiante “grazas ao apoio do Grupo Popular”
Os representantes do PP lucense na Cámara Alta -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- lograron que o Senado reivindique a chegada da alta velocidade á provincia de Lugo.
O voto a favor dos senadores do Grupo Popular permitiu que unha iniciativa do BNG sobre infraestruturas ferroviarias en Galicia saíse adiante tras aceptar as súas emendas.
Os senadores do PP foron os que introduciron no debate “o acceso das cidades de Lugo e Ferrol á alta velocidade en condicións de igualdade co resto do territorio”. Nese sentido, para o caso da provincia de Lugo, “é imprescindible a execución das actuacións precisas para adaptar a infraestrutura ferroviaria actual entre as que se inclúen as variantes de Os Peares-Canabal e Rubián”.
“Grazas ao grupo maioritario do Senado, o PP, e coa abstención do PSOE, apróbase unha iniciativa que recolle expresamente que se fagan as variantes ferroviarias que posibilitarían reducir o tempo de viaxe entre Lugo e Ourense”, subliña Barreiro.
PSOE: A FAVOR EN GALICIA, ABSTENCIÓN EN MADRID
O senador lucense e viceportavoz do Grupo Popular no Senado explica que “a nosa emenda recolle exactamente o mesmo que foi aprobado por unanimidade -cos votos a favor do PP, BNG e PSOE- no Parlamento de Galicia”. Polo tanto, afea as contradicións do PSOE: “en Galicia vota unha cousa e en Madrid outra distinta”.
Ante esta situación, Barreiro considera que “o PSOE non está a favor da construción das variantes que posibiliten a redución do tempo de conexión de Lugo con Ourense e a Meseta despois de que o Ministro Puente manifestara recentemente no Senado que non renuncia a elas, pero sen concretar prazos nin orzamento”.
E, por outra banda, entende que “o señor Besteiro, unha vez máis, é desautorizado polos seus compañeiros en Madrid entre os que se atopa o señor Mogo, senador do PSOE pola nosa provincia”.