Ángeles Vázquez destaca que, cos máis de 50 guías acreditados nesta edición, son xa preto de 1.200 os formados neste espazo protexido nos últimos 20 anos, cun papel fundamental na difusión dos valores naturais dos catro arquipélagos.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, participou hoxe no acto de entrega de diplomas aos novos guías acreditados no Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, onde puxo en valor o importante papel que desenvolven estes profesionais na protección do rico patrimonio natural da comunidade e a súa función divulgadora para facela compatible co desenvolvemento turístico e económico.
A responsable autonómica salientou que, cos máis de 50 guías acreditados nesta edición, o parque nacional leva formados xa a preto de 1.200 guías turísticos nos últimos 20 anos, converténdoos en activos fundamentais na difusión dos valores naturais e medioambientais dos catro arquipélagos así como promotores de actividades de turismo sostible nos espazos protexidos e na rede de parques naturais de Galicia.
A formación que recibe o alumnado inclúe cuestións específicas sobre lexislación e biodiversidade así como sobre a súa protección, uns coñecementos vitais para que os novos guías contribúan a que os elementos e valores naturais sexan apreciados e coñecidos polo conxunto da cidadanía.
Neste sentido, Ángeles Vázquez, que estivo acompañada pola directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, e pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, destacou que Galicia está comprometida coa Carta Europea de Turismo Sostible para velar polo seu rico patrimonio natural e facelo compatible co desenvolvemento económico apostando por prácticas sostibles. Nun escenario no que o ecoturismo ou turismo de natureza é moi demandado, o parque nacional aplica os principios do turismo sostible involucrando ás empresas do sector.
Neste sentido, o parque completou a primeira fase do compromiso coa Carta Europea de Turismo Sostible en 2015 coa súa declaración como espazo de interese nacional, á que seguiu unha segunda fase de adhesión voluntaria das empresas turísticas implicadas na sostibilidade, co que se abriu unha nova relación entre os xestores do parque natural e as empresas turísticas asentadas na contorna.
Baixo esta colaboración é posible crear experiencias atractivas para os visitantes e cumprir cos estándares de sustentabilidade na conservación da biodiversidade e no apoio ao desenvolvemento local. De feito, na actualidade o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia conta xa con 26 empresas que ofrecen actividades desde o respecto á natureza adheridas á Carta Europea de Turismo Sostible.
A seguinte fase no cumprimento da carta europea comezará en 2025, coa incorporación de axencias de viaxes, as entidades encargadas de comercializar produtos turísticos de calidade contando coas empresas acreditadas. Con elas avanzarase no obxectivo común de velar pola protección dos espazos naturais e de achegalos aos cidadáns, un labor no que teñen un papel transcendental os guías, como divulgadores dun turismo verde e respectuoso co medio ambiente.
A formación
A actividade formativa estivo dirixido a 75 persoas, das cales aprobaron arredor de 60. Os perfís do alumnado van desde autónomos do sector turístico, profesores, enxeñeiros, biólogos ata apaixonados da natureza que buscan coñecer mellor o parque nacional e facelo parte das súas actividades empresariais e profesionais.
Por iso, Ángeles Vázquez, agradeceulles o seu interese na protección e coidado dos espazos naturais e animounos a compartir os seus coñecementos co conxunto da cidadanía para seguir avanzando na conservación do variado patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia.