Este sábado 23 novembro de 2024 ás 13,00 h, organizada polo Instituto de Estudos Ulloáns e a Casa do Picho de Palas de Rei, terá lugar no castelo de Pambre a inauguración da exposición Robar o Soño, do pintor surrealista colombiano Luis Antonio Sánchez León.
A exposición, composta por 30 obras, toma o seu nome dunha expresión popular usada para referirse a pensamentos que se converten en obsesións, e do proxecto que o artista está a desenvolver en Do Picho, residencia artística de Palas de Rei na que se promocionan proxectos de artistas de todo o mundo, con relevancia na dinamización cultural na contorna do Camiño de Santiago.
Céntrase esta mostra no soño: o soño como enunciación poética, o soño que incomoda ou perturba, o soño que nos deixa paradoxicamente en vela e os soños alleos. A exposición permanecerá aberta ata o sábado 11 de xaneiro de 2025.