O Ineltrón Santo Domingo Betanzos roza a vitoria en Oviedo

por Jorge García

O rival, que forzou a prórroga a falta de seis décimas, non deu opcións no tempo extra.

Pouco faltou para que o Ineltrón Santo Domingo Betanzos esconxurase a mala sorte dos últimos partidos e sumase a segunda vitoria da temporada. Concretamente, seis décimas. Logo dun partido tremendamente igualado, e tras dúas triplas consecutivas dos betanceiros, Dani Martín logrou poñer un marcador de 85-88 para os betanceiros con dous certeiros tiros libres a falta de oito segundos. A partir de aquí, o dilema, a pregunta que se fan os seareiros que seguiron o partido dende o pavillón da Universidade de Oviedo ou dende as súas casas: había que facer falta para mandar á liña dos tiros libres? Había que defender ata o último segundo, tal e como se fixo? O certo é que a fortuna estivo do lado dos asturianos, e tras unha agónico ataque, Bartolomé Coble logrou levar o partido á prórroga cunha tripla lateral a tan só seis décimas para o remate do partido.


Ata ese momento, de todo un pouco, notoria superioridade do Santo Domingo nun primeiro cuarto que acabou cun 26/33 para os de Doc, un 2Q dominado pola Universidade de Oviedo, que marchou ao descanso cun 52-46 e un “toma e daca” con alternativas para os dous equipos no 3 e no 4Q ata ese momento final no que a sorte, máis unha vez, deu ás costas aos betanceiros. A prórroga, cun Santo completamente abatido polo desenlace do tempo regulamentario, xa foi un coser e cantar para os ovetenses.


Partido extraordinario de Abelleira, con 22 puntos, 7 rebotes e 7 asistencias, para un 30 de valoración, e sobresalientes minutos dun Dani Martín (25 puntos) que se reservou no banco para os instantes decisivos. Polo lado dos interiores, ben Luis e Sanjurjo, con cadanseus 10 puntos e 5 e 6 rebotes, respectivamente.
O Santo queda cunha bagaxe de 1 vitoria-6 derrotas, aínda que as sensación dos dous últimos encontros, nos que estivo a piques de conseguir a vitoria, fan concibir esperanzas de mellorar estes números nos vindeiros partidos.


Próxima xornada, visita do Ávila Auténtica.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario