O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, mantivo esta mañá un encontro de traballo cunha delegación do departamento sanitario de Aragón no que intercambiaron experiencias e se abordou o modelo de compras centralizadas na sanidade pública galega.
O titular de Sanidade, que estivo acompañado pola secretaria xeral técnica da Consellería, Natalia Lobato, e pola directora xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, Mar Pousa, explicou a optimización de custos conseguida na sanidade pública galega grazas ao plan de centralización de compras, que permitiu aforrar 52,5 millóns de euros desde 2020 en material funxible e implantes para as sete áreas sanitarias.
Tras a recepción no Edificio Administrativo de San Lázaro, a delegación aragonesa visitou, en Negreira, a Plataforma Loxística do Servizo Galego de Saúde. Este almacén centralizado atende cada día máis de 11.000 solicitudes dos hospitais e centros sanitarios galegos e responde aos pedidos de emerxencia, de ser necesario, en menos de 2 horas e media.
A automatización e aforro no Servizo Galego de Saúde coa plataforma loxística xa espertara o interese de representantes sanitarios de Euskadi, a Comunidade de Madrid, Salamanca e Barcelona.