A alcaldesa, Inés Rey, presidiu esta mañá en María Pita a sesión constitutiva da Mesa Sectorial de Vivenda co obxectivo de avanzar na declaración da Coruña como Zona de Mercado Residencial Tensionado. A rexedora destacou que o acceso á vivenda é «un dos principais retos da cidade», cunha demanda crecente reflectida nas 3.367 persoas inscritas no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia.
Nese sentido, a rexedora puxo en valor as medidas postas en marcha polo seu Goberno no marco do Plan Municipal de Vivenda 2024-2030, a través do que se crearán 4.000 novas vivendas na cidade das cales 1.100 serán de protección oficial. Detallou algúns dos avances no plan como a xestión de solo en Visma, a finalización de urbanizacións con solo de VPO e VPP en Xuxán e Someso, a aceleración de licenzas para vivenda pública e protexida ou o impulso de vivenda pública municipal en Pontejos e Xuxán.
Rey tamén subliñou o diálogo co Ministerio de Vivenda para desenvolver solos de titularidade estatal e captar axudas, incluíndo fondos europeos para proxectos estratéxicos como Xuxán. Ademais, lembrou que a colaboración coa Xunta de Galicia «é máxima» e puxo de exemplo o cambio no PXOM solicitado polo IGVS, incrementando o número de VPO.
Á reunión asistiron o concelleiro de Urbanismo, Francisco Díaz Gallego; e Gloria Montaña, directora de Área de Urbanismo; xunto con representantes de entidades como EMVSA, APROINCO, APECCO, COAFGA, a Federación de Asociacións Veciñais, o Colexio Oficial de Aparelladores, o Colexio de Axentes da Propiedade Inmobiliaria e o Colexio de Arquitectos.
A alcaldesa emplazou aos membros da Mesa Sectorial a retomar o traballo a comezos de 2025, nunha nova reunión de carácter técnico para avanzar na aplicación das medidas presentadas e na solicitude de declaración de Zona de Mercado Residencial Tensionado.
Declaración de Zona de Mercado Residencial Tensionado
O Concello traballa na documentación requerida polo Goberno autonómico para a declaración da Coruña como Zona de Mercado Residencial Tensionado, co obxectivo de conter os prezos e mellorar o acceso á vivenda. A alcaldesa espuxo os beneficios da ferramenta, recollida na Lei estatal de Vivenda. «Segundo datos do Ministerio, podería supoñer un aforro medio de 400 euros anuais no alugueiro para beneficio dos coruñeses e coruñesas e con incentivos fiscais para as persoas propietarias» sinalou.
Logo da solicitude de declaración por parte do Concello á Xunta de Galicia no pasado mandato, dende a consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda formulouse unha normativa complementaria onde se lle esixía aos municipios a constitución dunha mesa sectorial «na que se analice a proposta municipal de declaración, así como o proxecto de plan específico que inclúa as medidas correctoras e o calendario de desenvolvemento das mesmas».