A Comisión Executiva do Eixo Atlántico aproba a adhesión de dúas novas cidades: Vilalba e Betanzos

por Redacción Galicia

A Asemblea Xeral, que se celebrará o 18 de febreiro en Viana do Castelo, deberá ratificar a incorporación dos municipios de Vilalba e Betanzos ao Eixo Atlántico.

Os concellos de Vilalba e Betanzos solicitaron en outubro a súa adhesión ao Eixo Atlántico. Na Comisión Executiva, celebrada esta mañá en Pontevedra, a secretaría xeral presentou un informe favorable tras varios meses de reunións coas dúas cidades. A proposta de adhesión deberase ratificar na Asemblea Xeral, que terá lugar o 18 de febreiro en Viana do Castelo.


Igualmente, a Comisión Executiva aprobou a proposta de programa e de orzamento para remitir na Asemblea Xeral. Este último é de 4.770.000 € en 2025, que inclúe recursos propios, así como os provenientes de programas europeos.


No 2025, á proposta de programa do Eixo Atlántico incorpóranse dúas liñas novas en sintonía coas prioridades da Comisión Europea. Por un lado, traballarase no concepto de «cambio de hábitos» que desenvolve a Axenda Urbana, focalizándose en áreas clave como a enerxía, a mobilidade, a economía circular e o consumo responsable, así como a prevención do desperdicio de alimentos. Por outro lado, continuarase a traballar naquelas actuacións que se consideran de éxito e que conseguiron unha alta participación social (deportes, educación, cultura e turismo) e aquelas outras de valor estratéxico para a administración das cidades: economía, sustentabilidade urbana e cohesión social.


A segunda liña de traballo é o proceso de internacionalización no que o Eixo Atlántico está inmerso. A experiencia acumulada en 32 anos de vida do Eixo Atlántico, e os proxectos de referencia que cimentaron o seu prestixio en Europa e fóra dela, impulsou unha estratexia de cooperación con países da outra beira do Atlántico, tanto lusófonos e hispanos como con Canadá, cos que actualmente estase a traballar en programas de cooperación co Eixo Atlántico.


Así mesmo, a Comisión Executiva aprobou o informe do presidente, Luís Nobre, e o das Comisións Políticas nos que se reflicte o elevado nivel de execución de programa do Eixo Atlántico.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario