Celso Delgado: “Todo apunta a que os socialistas e os seus socios están favorecendo unha prórroga indefinida dos prazos para que tampouco nesta Lexislatura se faga efectiva a transferencia a Galicia da titularidade e xestión da principal autoestrada da Comunidade”.
Os deputados do Partido Popular de Galicia no Congreso denuncian o “boicot” que está perpetrando o Goberno de Sánchez, sostido polo PSOE, BNG e Sumar, á tramitación parlamentaria da proposición de lei sobre a transferencia da AP-9 a Galicia, facendo “o posible e o imposible” para impedir o seu debate a través de prórrogas.
Fano logo de que onte mesmo a Mesa do Congreso dos Deputados –dominada polos socialistas e os seus socios– acordase a décimo quinta prórroga no prazo de presentación de emendas á iniciativa, cuxa toma en consideración polo procedemento de urxencia foi aprobado no mes de xuño deste mesmo ano.
Unha prórroga que os populares consideran “lamentable” na medida en que encamiña o que é “un anhelo unánime do pobo galego” pola mesma senda da pasada Lexislatura: “Primeiro foron adiando o prazo de presentación de emendas ata chegar a quince prórrogas, logo boicotearon a súa tramitación na ponencia e finalmente a disolución das Cortes Xerais impediu que saíra adiante”.
Nesta liña, o deputado galego e vicepresidente segundo da Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible do Congreso, Celso Delgado, ten claro que “todo apunta a que o PSOE, coa conivencia do socialismo galego, está favorecendo unha prórroga indefinida dos prazos para que tampouco nesta Lexislatura se faga efectiva a transferencia a Galicia da titularidade e xestión da principal autoestrada da Comunidade”.
Lamenta así que o socialismo dera o seu apoio en Galicia á mesma iniciativa que logo, unha vez chega a Madrid, fai “o posible e o imposible” por boicotear. Unha actitude que se equipara, na súa opinión, á de Sumar: “Unha formación supostamente liderada por unha galega pero que vota en contra dos intereses dos galegos e galegas”.
“Desde o PPdeG non imos aceptar esa nova aldraxe a Galicia e non estamos dispostos a consentir que o Goberno de Sánchez, coa submisión do socialismo galego e o apoio a este Executivo por parte do BNG, impida que se poida debater no Congreso unha iniciativa que foi aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia”, conclúe Delgado.