O BNG pide melloras asistenciais e un novo servizo de cardioloxía para o hospital público comarcal de Cee

por Redacción A Coruña

O deputado Oscar Insua impulsa iniciativas para mellorar as especialidades de psiquiatría, otorrinolaringoloxía e cardioloxía, así como normalizar o servizo de hospitalización a domicilio.

O deputado do BNG da Costa da Morte, Oscar Insua, vén de presentar varias iniciativas no Parlamento galego nas que solicita á Xunta de Galiza que mellore diversos servizos no Hospital Comarcal “Virxe da Xunqueira” de Cee, nas especialidades de psiquiatría, otorrinolaringoloxía e cardioloxía, así como a recuperar a normalidade no servizo de hospitalización a domicilio.

O representante nacionalista considera que o SERGAS debe adoptar medidas para cubrir as dúas prazas existentes de especialista de otorrinolaringoloxía no Hospital, que na actualidade están vacantes, e pediu crear unha praza máis de psiquiatría no cadro de persoal do centro, reducindo asías listas de agarda e ofrecendo un servizo de calidade aos usuarios.

Crear un verdadeiro servizo de cardioloxía, dotándoo das prazas necesarias no cadro de persoal, é outra das melloras solicitadas por Oscar Insua para o hospital comarcal, para que conte cun servizo completo todos os días do ano e para evitar os milleiros de desprazamentos dos veciños e veciñas aos centros hospitalarios da Coruña. 

Ademais, o deputado do BNG insta á Xunta a realizar todas as xestións necesarias para recuperar a normalidade na Hospitalización a Domicilio-Coidados Paliativos, e dotar do persoal necesario para que funcionen as dúas unidades que viñan desempeñando este servizo hai un ano.

Oscar Insua manifestou que “preferimos mais servizos e máis médicos especialistas que actuacións ornamentais no hospital; é necesario contratar aos otorrinos e a un psiquiatra máis, porque un só médico non da feito con todos os usuarios adscritos….e falamos de doentes con problemas graves que precisan ter un control mensual que non pode demorarse”. O deputado engadiu que “os da Costa da Morte non somos menos que ninguén, e os cardiólogos deberan pasar consulta e facer máis probas en Cee, como se fai nos hospitais do Salnés e do Barbanza; é de xustiza, e ademais esta situación o único que provoca éque se instauren consultas privadas preto do hospital”

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario