A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, puxo en valor esta intervención “que permitirá favorecer a mobilidade peonil e reforzar a seguridade das familias e crianzas que fan uso habitual deste espazo do barrio”.
O Concello saca a licitación as obras correspondentes á humanización da rúa Tolerancia, lindeira á praza homónima no barrio de Labañou. O proxecto, que recibiu a aprobación da Xunta de Goberno Local a mediados de novembro, contempla un investimento de case 90.000 euros e un prazo de execución de aproximadamente catro meses.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, lembrou que a intervención ten, como principal obxectivo, peonalizar a rúa para adecuala aos usos e instalacións que hai na súa contorna. «Neste punto do barrio é frecuente o paso das e dos peóns en dirección ao parque infantil», expuxo Díaz, que recalcou a importancia de integrar paisaxisticamente a rúa Tolerancia en sintonía coa praza e o parque, «favorecendo a mobilidade peonil, reforzando a seguridade das familias e das crianzas que fan uso habitual destes espazos».
Tal e como se expuxo semanas atrás, cando se deu luz verde ao plan de obras, o Concello ten previsto crear unha plataforma única entre as rúas praza do Almirante Romay e Arxentina, mellorando o tránsito peonil entre a praza da Tolerancia e os edificios con acceso á rúa homónima. A concelleira explicou que «nestre treito non existen garaxes, polo que o impacto para o tráfico rodado e para a veciñanza será mínimo».
No contexto dos traballos tamén se ampliarán as zonas axardinadas e plantarase arboredo. Ademais, instalarase novo mobiliario urbano e tamén se acometerán melloras na rede de recollida de augas pluviais.