Bioga, Clúster Saúde de Galicia e Xunta presentan as oportunidades de colaboración Galicia-Carolina do Norte para o sector biotecnolóxico

por Redacción Galicia

O conselleiro de Ciencia destaca na apertura do encontro a importancia de reforzar a visibilidade do sector para converterse nunha biorrexión de referencia internacional

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, abriu hoxe no Biopolo da Sionlla, en Santiago de Compostela, a xornada Carolina do Norte: porta de entrada do sector biotech e saúde aos Estados Unidos, organizada por Bioga e o Clúster de Saúde de Galicia, co apoio da Xunta de Galicia. Neste evento, fíxose balance da Estratexia de consolidación do sector biotecnolóxico de Galicia 21-25 e presentáronse as oportunidades de cooperación entre Galicia e Carolina do Norte neste sector.  

Román Rodríguez, que estivo acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, destacou a importancia de seguir impulsando a visibilidade do sector fóra das nosas fronteiras para converter a Galicia nunha biorrexión de referencia no eido da biotecnoloxía e favorecer así a captación de investimentos e talento e o establecemento de colaboracións que deriven na xeración de actividade económica para o sector. 

O titular de Ciencia do Goberno galego felicitou ao sector pola súa presenza activa en eventos internacionais como feiras de relevancia, misións comerciais e expedicións de aprendizaxe postas en marcha polos clústeres co apoio da Xunta. Precisamente, a xornada de hoxe serviu para presentar os resultados da Misión realizada a Carolina do Norte o pasado setembro, un estado que sobresae polo crecemento do seu sector biotecnolóxico, e para facer un chamamento a todas as entidades que desexen unirse ás accións de colaboración programadas entre ambas rexións.

Case o 20% do investimento en I+D

A directora da Axencia Galega de Innovación presentou os resultados do balance intermedio da Estratexia de consolidación do sector biotecnolóxico de Galicia 21-25. Entre os datos máis relevantes, subliñou que Galicia é a segunda rexión máis bioemprendedora de España; que o sector biotecnolóxico executa o 17% do investimento en I+D de Galicia, e que captou o 48% de todos os fondos obtidos por entidades galegas no programa de I+D europeo Horizonte Europa.

O evento no Biopolo Sionlla serviu para dar visibilidade ao traballo levado a cabo na misión e para facer un chamamento a todas as entidades, públicas e privadas de Galicia, que desexen unir forzas e participar nas accións programadas cos diversos axentes de Carolina do Norte. No encontro participaron tamén o conselleiro comercial da Embaixada de Estados Unidos en España, John Coronado, e representantes do clúster  Bioga, o Clúster Saúde de Galicia, Galaria, o Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía da Universidade da Coruña (CICA), a Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS), a Universidade de Vigo, a consultora estratéxica Axperia Ventures e as empresas Mestrelab, AMSlab, KeyBiological e AFFINImeter. 

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario