A Universidade da Coruña pon en marcha a Estratexia de Internacionalización 2025-2027 

Trátase dun plan integral que busca fortalecer a proxección internacional e mellorar as competencias globais de toda a comunidade universitaria

A Universidade da Coruña (UDC) acaba de presentar a súa nova Estratexia de Internacionalización para o trienio 2025-2027, un plan integral que busca fortalecer a súa proxección internacional e mellorar as competencias globais de toda a comunidade universitaria. Esta estratexia enmárcase nun contexto de crecente demanda de competencias internacionais no ámbito laboral, impulsada pola globalización e a integración europea.

Entre as prioridades marcadas para este período, atópanse o fortalecemento da Alianza EMERGE e outras asociacións estratéxicas, a mellora da percepción da UDC como institución atractiva para estudar e traballar e o fortalecemento dos intercambios internacionais de estudantado e persoal. Así mesmo, o futuro pasa pola mellora da posición da UDC na investigación e a ciencia internacionais, e a participación activa na procura de solucións a problemas económicos, sociais e medioambientais globais.

Obxectivos cuantificables

Dentro dos obxectivos para o vindeiro trienio, a Universidade da Coruña proponse acadar unha cota do 5 % de estudantado internacional entrante e saínte para o ano 2027, cifra que agora están no 2,7% e 2,5% respectivamente; así como incrementar a mobilidade internacional do persoal ata chegar ao 8%, que agora supón o 4,7%.

Ademais, búscase elevar a cantidade de proxectos internacionais en 2027, para alcanzar entre 18 e 21 anuais, consolidando así a súa presenza no ámbito académico global. Outro obxectivo marcado sería para a UDC acadar unha cota do 3 % de persoal internacional traballando na institución académica durante períodos de, como mínimo, 3 meses seguidos en 2027 (actualmente esta cota é de modo conxunto do 1 %).

A estratexia parte do modelo simplificado de planificación estratéxica recomendado pola Comisión Europea na súa “Guía práctica sobre a internacionalización na educación e formación profesional”, analizando o entorno de traballo e asumindo a misión e visión da UDC. A continuación levouse a cabo unha análise DAFO que identifica as fortalezas, debilidades, oportunidades e ameazas da UDC no ámbito da internacionalización. Entre as fortalezas destacan a súa oferta académica diversa e de calidade, así como a súa participación en programas europeos de mobilidade. Con todo, a UDC tamén enfronta desafíos, como a escasa visibilidade internacional, a falta de recursos económicos para a internacionalización e a burocracia nos procesos administrativos.

Liñas de actuación para cumprir os obxectivos

Para abordar estes retos, a UDC marcou determinadas áreas clave de actuación, que inclúen a gobernanza e o liderado na internacionalización, o fomento das alianzas estratéxicas e o desenvolvemento curricular internacional. Implementaranse medidas concretas para mellorar a captación e a mobilidade de estudantado internacional, aumentar a oferta de programas en inglés e establecer convenios con universidades fóra de Europa, así como a creación dun plan de cooperación ao desenvolvemento con socios internacionais que compartan este interese pola promoción do cumprimento dos Dereitos Humanos, os ODS e os mandatos humanitarios das Nacións Unidas.

A UDC comprométese, coa posta en marcha desta nova estratexia, a traballar de maneira colaborativa con todos os sectores da comunidade universitaria para garantir o éxito da mesma, que non só beneficiará á institución, senón tamén á sociedade no seu conxunto.

Comparte éste artículo
No hay comentarios