A Xunta abre hoxe o prazo para que concellos e mancomunidades poidan solicitar axudas coas que financiar a contratación de socorristas no verán

A orde da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, dotada con 1,5M€, sufragará os gastos da contratación de persoal de socorrismo, tanto persoal en situación de desemprego como persoal propio do concello para o servizo de socorrismo ou contratado a través dunha empresa externa.

Diario Oficial de Galicia vén de publicar a orde de axudas coa que a Xunta, a través da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes financia os gastos que realicen as entidades locais para a prestación dos servizos de vixilancia, rescate e salvamento nos espazos acuáticos naturais e/ou instalacións acuáticas descubertas de titularidade municipal.

O prazo de presentación de solicitudes para as entidades locais abre hoxe e durante un mes e deberán realizarse de forma obrigatoria a través da sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal). Poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades locais galegas que teñan espazos acuáticos naturais inscritos no Rexistro de Augas de Baños de Galicia ou conten con instalacións acuáticas descubertas de titularidade municipal. Inclúese a concellos e, como novidade nesta convocatoria, as mancomunidades de municipios que presten o servizo de forma conxunta.

A orde está dotada cun orzamento de 1,5 millóns de euros co obxectivo de subvencionar  os custos salariais da entidade local entre o 1 de xuño e o 30 de setembro de 2025 relativos ao persoal dedicado a estes servizos.

A diferencia de convocatorias anteriores nas que se esixía ao persoal estar en situación de desemprego e figurar no Servizo Público de Emprego, o ano pasado xa se ampliara a cobertura a outros dous supostos -tanto persoal propio da entidade local destinado a este servizo como ao persoal que o concello contrata para estas tarefas a través dunha empresa externa- que se manteñen na orde publicada hoxe.

Na concesión das axudas terase en conta o número de zonas de baño inscritas no rexistro, a adhesión ao Plan específico de salvamento en praias de Galicia (Sapraga) en 2024, a poboación da entidade local, o número de bandeiras azuis concedidas e contar con declaración de municipio turístico galego.

Así, pese a que a vixilancia de praias e lugares públicos de baño e o seu mantemento compete aos concellos, o Goberno galego contribúe a fomentar a prestación do servizo de socorrismo por parte dos municipios nas épocas de maior concorrencia, como é a tempada estival.

Cómpre lembrar que, tamén de cara á época estival, a Xunta conta con outras medidas para garantir a seguridade nos municipios máis turísticos como é o caso das subvencións para a contratación de auxiliares de Policía Local.

Aínda que a  contratación de socorristas é un asunto de competencia estritamente municipal, a Xunta ademais de fomentala a través de axudas tamén regula a formación que deben reunir. As persoas que poden exercer esta actividade nas praias e piscinas da comunidade deben estar dados de alta no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia, no que actualmente constan 4.500 profesionais inscritos.

Comparte éste artículo
No hay comentarios