Misteriosos cartaces en branco e negro enchen as paredes de varias localidades galegas.
Varios activistas da Rede Galega pola Palestina, do BDS Galiza, de Lugo por Palestina e doutras organizacións galegas solidarias co pobo palestino son os responsábeis de encher as paredes de varias localidades do noso país cuns misteriosos cartaces nos que se pode ler “NKB 15M” («Nakba 15 de maio»). A acción performativa ten como finalidade visibilizar a opresión que vive o pobo palestino e fai mención á Nakba ou Catástrofe. Esta é un proceso de limpeza étnica e xenocidio iniciado no 15 de maio de 1948 polo sionismo contra a poboación palestina.
Os cartaces, en branco e negro, representan as cores máis comúns da kufiya, prenda usada na Palestina e símbolo da resistencia anticolonial. Outro elemento que figura nalgúns cartaces son as chaves, que portan moitos palestinos desde o inicio da Nakba e que eran as que usaban para abriren as portas das súas casas antes de ser expulsados da súa terra polo réxime colonial sionista.
Os activistas afirman que esta é a primeira de moitas accións e eventos que terán lugar até a semana do 15 de maio, na que haberá grandes manifestacións en varias localidades galegas en apoio ao pobo palestino.