De todas as persoas participantes, un total de 17, catro delas sairán seleccionadas para realizar unha estancia de dúas semanas de duración no centro de investigación da UDC.
O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña, que forma parte da Rede CIGUS, a cal integra a aqueles centros cuxa calidade e impacto de investigación foi acreditada pola Xunta de Galicia, celebrará este domingo o CCK, o Congreso Científico Inkrustado, no que, os 17 alumnos e alumnas que participaron no programa Incrústaste realizando unha estancia de tres días no CICA, expoñerán os resultados da súa práctica experimental ante un tribunal especializado.
A partir das 10.30 horas a Domus acollerá unha exposición de 17 pósters que serán defendidos polo alumnado nos que tratarán diversos temas de Biomedicina, Nanociencia e de Alimentación, Saúde e Contaminación; as tres áreas nas que se dividen os grupos de investigación aloxados no CICA.
O tribunal especializado valorará a calidade do póster e a súa destreza de explicación, tanto na exposición como nas preguntas formuladas, para elixir a catro dos participantes que poderán realizar unha estancia de ata dúas semanas no centro. Unha oportunidade única para aquel estudantado que teña inquedanza polo coñecemento científico e queira profundar no seu experimento.
Durante a xornada, unha selección de estudantes voluntarios fará unha exposición oral no auditorio da DOMUS sobre o seu traballo. Ao rematar, tanto o alumnado como as súas familias e o persoal investigador do CICA, desplazaranse ao centro, onde se dará a coñecer o veredicto do tribunal.
O tribunal do Congreso Científico está formado por Carlos María Rodríguez López, graduado en Bioloxía pola Universidade da Coruña e profesor de secundaria no IES As Mariñas (Betanzos); Patricia Barciela Durán, doutora en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Santiago de Compostela e actualmente directora técnica do Museo DOMUS, María del Carmen PrietoBlanco, doutora en Química e profesora na Universidade da Coruña; e AroaSilva Pose, estudante do Grao en Bioloxía na Universidade da Coruña edirectora da Feira Científica Open Science (Cambre) nas edicións de 2023 e2024.
Este evento conta coa colaboración do Concello da Coruña, os Museos Científicos, a Comisión da Normalización Lingüística da Facultade de Cienciase de a FECYT, Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía do Ministerio de Ciencia e Innovación, que cofinancia a totalidade do programa.
Nova edición a partir de setembro
Con esta segunda fase, a sexta edición de “Incrúst@te: qué é un grupo de investigación? Introdución á investigación en Química e Bioloxía”, que comezou o pasado mes de novembro coas visitas escolares, chegaría ao seu fin.
En setembro abrirase unha nova convocatoria para que os profesores de 4º da ESO, 1º de Bacharelato e Formación Profesional poidan solicitar visitas escolares e participar no programa do vindeiro curso.
Incrústate
Incrústate é unha iniciativa activa desde 2017, que busca fomentar a vocación científica nos máis novos para que poidan coñecer o sector de primeira man e dar a coñecer as titulacións da Facultade de Ciencias da UDC, ademais de dar visibilidade ao traballo do persoal investigador e ao papel da muller na ciencia. Polas anteriores edicións realizadas pasaron xa máis de 1.200 estudantes.
Sobre o CICA
O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA), que pertence á Universidade da Coruña (UDC), creouse en 2015 como un centro de investigación de ciencias avanzadas que conta con máis de 200 investigadores e investigadoras pertencentes a tres áreas científicas: Biomedicina; Alimentación, Contaminación e Saúde; e Nanociencia e Materiais Avanzados.As tres liñas enfocan os seus estudos no concepto coñecido como One Health; no que a saúde ambiental, humana e animal están interconectadas.
Desde 2024, o CICA conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación.
A excelencia investigadora, a transferencia tecnolóxica e a transmisión de coñecemento á sociedade forman os tres piares sobre os que se fundamenta o centro de investigación. É recoñecido pola atracción de talento, a visibilidade da muller científica e a promoción da igualdade de xénero, contando cunha presenza feminina superior ao 50%.