Os músicos da romaría de San Campio abren a escolma do Arquivo da RAG de imaxes arredor do cancioneiro

As Vellas de Mens tamén tocaron na segunda metade do século XX nesta festa da parroquia de Santo Ourente de Entíns, onde Schubarth recolleu en 1979 unha copla referida a Malpica.

O Arquivo da Real Academia Galega estrea nesta semana central das Letras Galegas 2025 unha serie na que escolma e comentaimaxes históricas relacionadas dalgún xeito coa poesía popular oral e as cantareiras, ás que a institución lles dedica a gran festa deste 17 de maio. A selección empeza cunha estampa de especial forza e beleza, inmortalizada por José Prieto Guerra a finais do século XIX na popular romaría de San Campio de Santo Ourente de Entíns (Outes). O posado, que comenta a académica Margarita Ledo, evoca o canto tradicional do pobo que está na cerna da celebración.

As pezas comentadas compartiranse na sección das Letras Galegas 2025 de academia.gal. Todas elas forman parte do fondo arquivístico dixitalizado e dispoñible en aberto en Galiciana-Arquivo Dixital de Galicia.

Margarita Ledo salienta a disposición frontal e a nitidez da instantánea, na que as mulleres do centro da imaxe portan cadansúa pandeireta e o home parece disposto a empezar a tocar o violín. Semella pensada para unha carta postal e fala da condición de fotógrafo profesional do autor, diferente do amador ou da foto de artista. Canto aos instrumentos musicais e a roupa das persoas que Prieto Guerra retrata, “connotan a cultura campesiña” –creadora, xunto coa mariñeira, do cancioneiro– e tamén “a actividade festeira en troca duns poucos reais”. “Mais, de modo singular, esta foto míranos dende o corpo dunha clase social que pouco a pouco se vai afacendo á fotografía”, engade a cineasta e catedrática de Comunicación Audiovisual. Ledo compara así os “ollos desconfiados das rapazas” coa “decisión na actitude da figura central, a muller que organiza o grupo mentres ao seu redor o elemento masculino deixa esvaer un certo sorriso para se representar”.

“De chegar esta imaxe da romaría en Santo Ourente algunhas décadas despois ás mans do Marcel Mauss, o pensador, case-sociólogo, que innova e vai cara ás marxes do método porque vive cativado polas sociedades tradicionais, de seguro que localizaría en cada aceno, nas dúas mozas que se tocan apenas os dedos, a transmisión dun xesto social canda a tentativa de que nós, ao ollar a foto, queiramos formar parte da escena; desa dobre existencia, física e imaxinaria, que está na fotografía como construción”, reflexiona Margarita Ledo.

Unha parroquia inmortalizada tamén nos e cos cantares

A imaxe de Prieto Guerra consérvase no fondo do académico fundador Eladio Oviedo Arce (Noia, 1864-1918), quen lle debeu de encargar outras fotografías na zona da ría de Muros e Noia en distintos momentos, de acordo coa documentación gráfica conservada no Arquivo da Academia e mais con correspondencia que intercambiaron. José PrietoGuerra realizou este retrato de grupo cara a 1890, na romaría de San Campio, Santo Ourente de Entíns, concello de Outes, que se celebra a finais do mes de setembro.

Tamén chamada romaría do mal cativo, a romaría de San Campio gozou, e segue a gozar, de gran sona en Outes e nos concellos veciños. E como suxire a estampa, a parroquia de Santo Ourente debeu de ser dende hai moito tempo berce de xente cantareira. A elachegou en xaneiro de 1979 Dorothé Schubarth, á procura de melodías e cantigas populares que cantaron para ela, entre outros veciños e veciñas, María Mercedes, de 90 anos, Manola (58), Pelegrina (83) ou Beleiro (76), quen entoaron coplas coma estas: San Campio é moi valente /que ten a ialma no ceo / i o corpo en San OrenteRomaría de San Campio / non che era para perdere / se Deus quere e non morro / para o ano hei de volvereSan Orente é boa terra / dun pino qu’había alí / fixen un barco de guerra / ai la la la ai la la / ai la la la la la ra la.

A etnomusicóloga suíza tamén lle recolleu en Santo Ourente a Marisol (64 anos) estoutra copla igualmente incluída no Cancioneiro Popular Galego que publicou coa colaboración do académico Antón Santamarina: Malpica dos meus amores / o rei che quixo vendere / para mercar a Malpica / moitos cartos hai que tere. O rexistro destes versos pode ser unha boa proba da popularidade alén da comarca dunha romaría á que tamén foron cantar as pandeireteiras de Mens, segundo indica José Manuel Fernández Pensado, Manel de Aturuxo, no volume As Vellas de Mens (Galaxia, 2025), dedicado ás cantareiras e tocadoras do concello de Malpica de Bergantiños nas que a RAG personifica a homenaxe destas Letras Galegas 2025 canda Rosa e Adolfina Casás Rama e mais Eva Castiñeira.

Comparte éste artículo
No hay comentarios