Os incendios calcinaron case un 11% da Rede Natura galega, e máis da metade do Macizo Central e do Bidueiral de Montederramo.
A vaga de incendios do pasado agosto afectou significativamente os espazos protexidos, e en particular, os da provincia de Ourense. Datos solicitados por ADEGA ao sistema Copernicus-EFFIS (European Forest Fires Information System), cifran en 37.819 hectáreas a superficie queimada en Rede Natura 2000, o que supón o 26% de todo o queimado até o de agora este ano e o 10,8% do conxunto dos espazos protexidos galegos. Trátase da maior afección por extensión queimada e porcentaxe a esta figura de protección europea dende a súa instauración en Galiza en 2004. Os incendios afectaron tamén a outras 8.841 hectáreas en áreas propostas para ampliar a Rede Natura 2000 e incluidas na Estratexia de infraestrutura verde, algunha das cales, como a Serra de Vilamartín, arderon por completo. Tan só en 2011 a superficie queimada en espazos protexidos (10.949 ha) aproximouse, aínda que de lonxe, á deste ano.
Se calculamos a incidencia do lume neste 2025, vemos que con respecto ao conxunto de Galiza este ano ardeu o 4,9% do territorio (144.997 ha). Comparando coa porcentaxe de Rede Natura 2000 queimada, o 10,8%, resulta que os espazos protexidos arderon cunha frecuencia 2,2 veces maior (máis do duplo) que o resto do territorio.
Particularmente importante foi a incidencia dos lumes nos espazos protexidos do interior de Galiza, nomeadamente en Ourense. Así, os datos do EFFIS sinalan que en apenas unha semana de agosto, queimouse o 56,8% do Bidueiral de Montederramo; o 52,4% do Macizo Central; o 20,3% de Pena Trevinca; o 14,8% de Pena Maseira e o 7,5% da Serra da Enciña da Lastra; para un total de 31.837 hectáreas. E en Lugo, a ZEC Ancares-Courel sufriu os incendios máis graves da súa historia, ao queimar un total de 5.389 ha, o 5,2% da súa superficie.
A viabilidade ecolóxica dalgúns destes territorios, fogar de especies moi sensibles e ameazadas como o oso, a aguia real ou flora endémica, fica seriamente ameazada. E os servizos ecosistémicos que prestan estes espazos á sociedade (regulación hídrica, absorción de carbono, control da erosión, subministro de alimentos…) tardarán anos en recuperarse, polo que resulta imperativo planificar e comprometer medios e recursos para a rexeneración destes territorios.
Sen mapa de riscos e sen plan de restauración ecolóxica
ADEGA subliña primeiramente o feito de que sexa unha ONG e non a administración a que ofreza datos contrastados sobre a incidencia real dos incendios nestes espazos protexidos, as xoias do patrimonio natural galego. A opacidade e a desinformación practicada polas consellarías de Medio Ambiente e Medio Ruraldurante esta vaga de lumes foi parella ao seu desleixo e inoperancia.
Actualmente, non se coñecen datos oficiais das afeccións dos lumes durante este ano á Rede Natura galega, nin tampouco cal é o plan da Xunta (se é que existe) para a recuperación da biodiversidade e dos valores ecolóxicos destes espazos, de especial valor para o conxunto da sociedade. Resulta difícil de entender que, a sabendas do dano exercido polos lumes sobre os espazos naturais protexidos, a Consellaría de Medio Ambiente aínda non teña disposto ningunha acción específica para a restauración ecolóxica destes espazos con fins ambientais. Só outorga axudas para os tecores e para a recuperación de infraestruturas.
As lamentábeis declaracións do Sr. Rueda (“arderon pedras e mato”) e da conselleira Sra. Vázquez relacionando lobos e incendios son exemplo dunha preocupante ignorancia e dun “trumpismo ambiental”inaceptábel nuns responsábeis públicos.
Desde ADEGA reclamamos ás Consellarías de Medio Ambiente e Medio Rural:
- A convocatoria urxente do COGAMADES (Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvimento Sustentábel), para que a Xunta dea conta da súa xestión, facer balance dos danos e coñecer os programas para a rexeneración dos espazos protexidos queimado.
- Que na información que a Administración debe proporcionar á cidadanía sobre a situación dos lumes forestais, non só se especifique o número de lumes, a superficie queimada, o operativo disposto, ou o tipo de cobertura vexetal afectada (arborada ou rasa), senón tamén a incidencia dos incendios sobre os espazos naturais protexidos e/ou con especiais valores ecolóxicos.
- A posta en marcha de medidas urxentes de protección, restauración e rexeneración nos espazos naturais afectados polo lume, especialmente prioritarias en espazos naturais protexidos, para mitigar no posíbel a perda de biodiversidade e a afectación do solo, e tentar recuperar a funcionalidade ecolóxica e os servizos ecosistémicos danados nestes territorios.
- A recuperación da figura do voluntariado en defensa do monte galego, como elemento efectivo de participación e vehículo da colaboración cidadá que tanto contribuíu a salvar moitos lugares e espazos durante o peor da vaga de lumes perante a ausencia da administración.
- A publicación do mapa de riscos asociados aos recentes lumes forestais no que se concreten as zonas sensibles de erosión, a afección sobre os cursos e recursos hídricos, forestais e pesqueiros e infraestruturas, tal e como obriga a Lei de prevención de incendios no seu artigo 49.