O Grupo Parlamentario Socialista esixe á Xunta de Galicia que active nun prazo máximo de 30 días unha comisión de seguimento para avaliar o cumprimento do ditame sobre incendios forestais aprobado en 2018. A viceportavoz socialista, Lara Méndez, alertou da falta de prevención do goberno galego, que a vaga de lumes de agosto puxo de manifesto.
«Non vale de nada lamentarse se antes non se fixo absolutamente nada en prevención. O que toca agora é esixir responsabilidades de cumprimento», declarou Méndez, quen non descartou a posibilidade de acudir á Fiscalía se fose necesario, tal e como xa adiantara o secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro. A dirixente socialista lamentou que «do ditame aprobado en 2018 con 123 medidas non se cumpriu practicamente nada».
Ademais da moción sobre os incendios, o PSdeG defenderá outras iniciativas no vindeiro pleno, como a restauración de espazos naturais, a atención a menores non acompañados e a mellora do Servizo de Axuda no Fogar. Méndez tamén aproveitou para condenar as pintadas na sede do partido en Lugo, calificándoas de «ataque contra a liberdade de expresión».