O obxectivo, di, é “que as empresas galegas atopen aquí un mercado onde poder expandirse e abrir novas vías de negocio. E, por suposto, tamén á inversa: que Xapón atope en Galicia un lugar, unha Administración e un Goberno que ten as portas abertas a todo proxecto de investimento interesado en instalarse alí”, remarca.
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, interveu hoxe nos actos de celebración do Día de Honra de Galicia na Exposición Universal de Osaka 2025, onde reivindicou a estabilidade e a eficiencia como o mellor aval do Goberno galego para atraer investimentos.
“Hai unha cousa que nos une, e é o interese institucional tanto aquí, en Xapón, como en Galicia, por captar investimento estranxeiro”, dixo Lorenzana na súa intervención, onde recoñeceu que a participación de Galicia nesta feira é “un fito que vén reforzar un pouco máis os lazos culturais, comerciais e económicos entre Galicia e Xapón”.
“Se hoxe estamos aquí, na primeira parada dunha viaxe que estes días nos vai levar a visitar, tamén, Tokio cunha axenda de encontros empresariais é, xustamente, porque queremos seguir traballando para que isto sexa así: que as relacións comerciais entre Galicia e Xapón sexan cada vez máis sólidas”. “Fortalecer os vínculos económicos e a atracción de investimentos a Galicia, dentro dun ciclo exportador boísimo para a comunidade autónoma no que facilitar as exportacións das nosas empresas a este país”, dixo.
O obxectivo, dixo, é “que as empresas galegas atopen aquí un mercado onde poder expandirse e abrir novas vías de negocio. E, por suposto, tamén á inversa: que Xapón atope en Galicia un lugar, unha Administración e un Goberno que ten as portas abertas a todo proxecto de investimento interesado en instalarse alí”, remarcou.
No eido do sector turístico, lembrou que o Camiño de Santiago e o Kumano Kodo, Patrimonio da Humanidade, están irmandados desde 1998. E tamén as cidades de Santiago de Compostela e Tanabe; e as localidades de Padrón e Shingu, ao pé de ambas as dúas rutas.
Segundo precisou, máis de 11.000 turistas xaponeses visitaron Galicia o pasado ano, un 5 % máis con respecto a 2023. E o mesmo ocorre co Camiño de Santiago: en 2024 seláronse 1.473 compostelas de peregrinos procedentes de Xapón, un 8,4 % con respecto ao ano anterior; e no que levamos de 2025, xa son 1.144, un 7 % máis en relación a 2024.