A portavoz nacional, Ana Pontón, exixiu ao Goberno central desde A Coruña que deixe de dar largas, antepoña os intereses dos galegos e das galegas aos de Audasa e aproveite a porta aberta por Bruxelas para rescatar a AP9 dunha ampliación ilegal.
“Chegou o momento de acabar cunhas peaxes que son unha auténtica inxustiza e unha ilegalidade”, reclamou, para afirmar a continuación que “xa está ben de que uns gobernos e outros, tanto do Partido Popular como do Partido Socialista, lle tomen o pelo aos galegos e ás galegas”.
A líder nacionalista instou ao Executivo central a “aproveitar a oportunidade” que brindan as institucións europeas para poñer fin a unha concesión que “é ilegal” e que, polo tanto, os galegos e as galegas non teñen que seguir pagando.
“Esta é a medida máis xusta, pero tamén a medida máis económica porque é máis barato anular a concesión que seguir pagando as bonificacións das peaxes da AP9”, alegou nunha comparecencia na Coruña polo retraso da ampliación do CHUAC.
Neste sentido, recordou que, segundo os cálculos dun informe que o BNG encargou á Universidade da Coruña, anular a concesión custaría menos de 1.000 millóns de euros, xa que coa porta que abre a UE ao considerar ilegal a concesión, “non hai que pagar o lucro cesante de Audasa”.
“Polo tanto, é máis barato anular a concesión que seguir pagando as bonificacións”, reiterou, para demandar que “deixen de defender os intereses de Audasa uns e outros e se poñan a traballar para poñer fin ao abuso que son esas peaxes da AP9”.
Pontón dixo non entender “por que o Goberno central do Partido Socialista se empeña en defender a prórroga ilegal que concedeu o Partido Popular no seu momento” con José María Aznar na Presidencia. “Xa está ben de que os intereses de Audasa estean por diante dos intereses dos galegos e das galegas”, reprochou logo de considerar a anulación da concesión e o rescate da autoestrada “unha cuestión de sentido común”.
Nesta liña, considerou incomprensible por que o Executivo necesita máis tempo cando agora xa hai unha resolución da UE sobre a mesa e advertiu que se o goberno central recorre o ditame comunitario e esta cuestión ten que acabar nos tribunais europeos, só estará dilatando a solución, que xa hai un precedente na UE cunha situación igual, que foi a do caso de Italia.
A portavoz do Bloque insistiu en que este é o momento de que os gobernos centrais, dun e doutro signo, poñan por diante os intereses dos galegos e das galegas e deixen de defender os intereses de Audasa, acabando cunha concesión que “é un auténtico abuso” e que a cidadanía galega non ten por que seguir pagando cada día que circula pola autoestrada.
“Desde o BNG imos seguir reclamando que o Goberno central poña fin a unha auténtica tomadura de pelo e unha discriminación aos galegos e as galegas”, avanzou para denunciar a continuación que a cidadanía deste País “está farta” de ser discriminada e de ver como a AP9 non deixa de ser “a galiña dos ovos de ouro” para a concesionaria, pero un “pésimo negocio” para Galiza.
“O que ten que facer o Goberno central dunha vez por todas é deixar de defender os intereses de Audasa, que parece que é o que fixeron os gobernos de Aznar e que o está facendo o goberno do Partido Socialista, e acabar cunhas peaxes que son ilegais, un abuso e unha discriminación”, sintetizou. “É máis, o que nos terían é que devolver todos os cartos que ilegalmente nos estiveron cobrando durante todos estes anos po unha concesión que se ampliou de maneira ilegal”, engadiu.
Por outra parte, Pontón mostrou a enorme preocupación do BNG pola “situación insostible” que se está vivindo en Palestina, con case dous anos de “xenocidio por parte do Estado criminal de Israel” e, lamentablemente, cun Executivo do PP “que nega ese xenocidio”.
“Preguntámonos que máis ten que pasar para que o Goberno do Partido Popular en Galiza condene o xenocidio en Gaza, abandone o negacionismo e se poña do lado da humanidade e dos dereitos humanos?”, cuestionou.
Mentres a maioría dos galegos e das galegas asisten escandalizados e escandalizadas a como se está televisando un xenocidio, alego, “o Presidente da Xunta négase a pronunciar esa palabra” e, o máis grave, “veta que o Parlamento galego condene a violación dos dereitos humanos máis básicos que se está producindo en Palestina”, denunciou.
A líder nacionalista recordou que o BNG levará ao próximo Pleno do Parlamento unha iniciativa para condenar o xenocidio en Gaza. “Pídolle ao señor Rueda que non boicotee unha declaración que significa un paso máis á hora de presionar a un goberno criminal como é o de Israel”, reclamou ao titular da Xunta, ao que recordou quen en Palestina hai centos de miles de persoas asasinadas e que a propia ONU acaba de recoñecer de maneira oficial que “isto é un xenocidio”.
“Queremos que o Parlamento galego, que Galiza, se poña do lado da humanidade e da defensa dos dereitos humanos”, concluíu sobre unha iniciativa que pretende recoller o sentir da cidadanía galega cunha condena do xenocidio palestino.