O Proxecto Ríos de ADEGA impulsa máis de 70 limpezas simultáneas de ríos este domingo ao longo de toda Galicia

A XVIII Limpeza Simultánea de Ríos celebrarase nesta edición nun total de 51 concellos galegos.

Este vindeiro domingo, 21 de setembro, o voluntariado ambiental galego ten unha cita cos ríos do país. A XVIII Limpeza Simultánea de Ríos, impulsada pola organización ecoloxista ADEGA a través do seu Proxecto Ríos, celebrarase nesta edición nun total de 51 concellos de toda Galiza, e nela participarán case 70 entidades, entre asociacións, concellos, colectivos ecoloxistas ou centros de ensino, moitas delas asiduas nestas limpezas e outras tantas que se suman por primeira vez a esta décimo oitava edición.

Baixo o lema «Móllate polos ríos», estas limpezas mobilizan todos os anos centos de persoas voluntarias que de xeito simultáneo desenvolven unha acción colectiva e de concienciación social ao pé dos ríos, co obxectivo de contribuír á súa limpeza. Calquera persoa interesada pode participar contactando coas entidades organizadoras locais.

Na web de Proxecto Ríos está dispoñible a listaxe de concellos e asociacións participantes, con datos de contacto para poder sumarse ás actividades, sempre que os grupos non estean xa pechados. A Estrada, A Coruña, Allariz, Ames, Baiona, Moaña, Ourense, O Grove, Santiago de Compostela ou Vigo son algunhas das localidades nas que se impulsan limpezas, entre outras moitas, de forma que todas as persoas atoparán preto delas a posibilidade de calzar as botas e axudar ao coidado dos nosos ecosistemas fluviais.

Máis ca unha limpeza: educación e sensibilización

Ademais de retirar refugallos dos cursos fluviais, a iniciativa busca fomentar a conciencia ambiental e a participación cidadá. A asociación ADEGA distribuirá un Protocolo de Limpeza de Ríos, dispoñible para descargar tamén na súa web, coas claves para realizar intervencións respectuosas e seguras nestes ecosistemas.

Proxecto Ríos, coordinado en Galiza por ADEGA, é un programa de educación e voluntariado ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas, así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos, ao proporcionar ferramentas que garantan a súa participación. Neste ano 2025, Proxecto Ríos celebra os seus 20 anos de traxectoria.

Entidades colaboradoras

Nesta XVIII edición, a Limpeza Simultánea conta coa colaboración dos concellos de Allariz, Ames, Ares, As Pontes, Cangas, Fene, Meis, Melide, Moaña, Muras, Narón, Nigrán, Ourense, Pontevedra, Rianxo, San Sadurniño, Santiago de Compostela, Tomiño e Vilasantar. A actividade está financiada pola Deputación da Coruña e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, que apoian este esforzo colectivo polo coidado dos nosos ríos.

Comparte éste artículo
No hay comentarios