A terceira edición da sección ‘Letters from Galicia’ acollerá os días 23 e 24 de setembro unha programación que combina comedia, cinema autoral e curtametraxes alén de actividades presenciais.
O audiovisual galego ocupa por terceiro ano consecutivo unha sección específica no 21stLondon Spanish Film Festival (LSFF) que permitirá a proxección na capital británica dos filmes +Cuñados, Antes de Nós e unha escolma de curtametraxes de novísima factura. Os días 23 e 24 de setembro concentrarán a actividade da sección Letters from Galicia que incluirá tamén varios eventos presenciais. Esta sección está organizada polo Galician FilmForum (GFF) e finánciase en virtude da colaboración establecida entre o ICAA e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia. Conta, ademais, co apoio da adega Méndez-Rojo e Abanca.
O LSFF, que celebra 21 anos de vida, é dun dos festivais de cinema español máis importantes do Reino Unido e alberga desde hai tempo seccións diferenciadas doutras comunidades, algunhas delas tan veteranas como a catalá e a vasca con 17 e 16 anos de vida,respectivamente. O espazo galego, con tres edicións, estase a consolidar como un escaparate internacional do cinema máis recente do país e este ano aposta por unha programación diversa que arrancará coa estrea no Reino Unido da comedia +Cuñados o 23 de setembro, ás 18:15 horas no Ciné Lumière. Logo da proxección comezará un coloquio co director, LuisAvilés, que será moderado por Adriana Páramo, cineasta e representante do Galician FilmForum
Tamén ese día e no mesmo lugar, pero ás 20:30 horas, será a quenda de Short Letters fromGalicia, unha sesión de curtametraxes galegas que estará integrada polos títulos Resonancias(Diana Gonçalves, 2025), Abellón (Fon Cortizo, 2024), Eu vou comigo (Chelo Loureiro, 2024) e Curmán (Alejandro Jato, 2025). Un chisco antes desta sesión, ás 20:00 horas, haberá un brinde cortesía da adega Méndez-Rojo.
O mércores 24, ás 20:15 horas, no Riverside Studios será a estrea británica do filme Antes de Nós dirixido por Ángeles Huerta. Ao rematar está previsto un encontro co actor XoanFórneas que tamén será moderado por Adriana Páramo.
O GFF: unha década a prol do cinema galego
Detrás de Letters from Galicia atópase o Galician Film Forum (GFF), un colectivo que este ano celebra o seu décimo aniversario. O GFF naceu no 2015 no seo dun grupo de galegos emigrados a Londres co obxectivo de crear un espazo para a difusión do cinema galego na capital británica. En palabras de Adriana Páramo, “este aniversario é unha proba da madurez do proxecto e supón unha ocasión perfecta para seguir fortalecendo a presenza do cinema galego no Reino Unido”. E salienta o feito de que “Letters from Galicia opera como unha fiestra do talento diverso e das novas xeracións de creadoras e creadores que proxectan a nosa cultura e a nosa identidade ao mundo”.
3rd LETTERS FROM GALICIA | PROGRAMACIÓN
Martes 23 de setembro | 18:15 h | Ciné Lumière I +Cuñados
Coloquio co director Luis Avilés moderado por AdrianaPáramo (GFF)
Entradas: https://londonspanishfilmfestival.com/cunados/
Martes 23 de setembro | 20:30 h | Ciné Lumière II | Shortletters from Galicia
Proxección das curtametraxes: Resonancias, Abellón, Eu vou comigo e Curmán
Brinde previo ás 20.00 h cortesía da adega Méndez-Rojo
Entradas: https://londonspanishfilmfestival.com/short-letters-from-galicia/
Mércores 24 setembro | 20:15 h | Riverside Studios Antes de Nós

Encontro co actor protagonista Xoan Fórneas moderado por Adriana Páramo (GFF)
Entradas: https://londonspanishfilmfestival.com/antes-de-nos/
Web do LSFF: http://www.londonspanishfilmfestival.com/
Galician Film Forum
En 2015 un colectivo de galegos residentes en Londres puxo en marcha o Galician Film Forum (GFF), coa intención de promover e visibilizar o cinema galego na capital do Reino Unido. A súa actividade articúlase en tres eixes: como plataforma de exhibición, como observatorio da nova diáspora creativa audiovisual no Reino Unido e como espazo de reflexión sobre o cinema e a cultura galega en termos universais.