O vindeiro xoves 25 de setembro ás 19:00h horas a Fundación Eugenio Granell inaugura a exposición De arriba para abaixo e de dentro para fóra do artista Iago Fernández Díaz, un proxecto comisariado por Eduardo Valiña que poderá visitarse ata o 17 de xaneiro do vindeiro ano.
Iago Fernández formouse en Belas Artes na Universidade de Vigo e conta cun mestrado en Creación e Investigación de Arte Contemporánea.
Esta mostra supón un percorrido polas pezas máis representativas da súa produción, amosando diferentes disciplinas como instalacións, obxectos intervidos, téxtil, colaxe ou fotografía, entre outras.
O seu proxecto artella diferentes dispositivos partindo da pegada que deixamos como seres humanos a través de diversos elementos alleos que establecen un relato sobre a memoria, un pretexto para sublimar cuestións xeracionais dende a autorepresentación.
“Polo xeral acostumo a traballar a través, case sempre, da utilización de obxectos que pertenceron a persoas alleas a min, o que eu denomino “obxectos de memoria”. Estes permítenme explorar temas como o paso do tempo, a familia, a memoria ou a pegada que deixamos como ser humano.
Sen embargo, De arriba para abaixo e de dentro para fora é un proxecto que nace da introspección e da análise dos meus propios recordos e experiencias. Con el trato de reflexionar sobre temáticas como a disidencia, o amor, a falta de referentes á hora de conformarte como persoa adulta, a maxia, o destino ou o sagrado. Trátase dun proxecto con moita referencia a personaxes claves na miña vida tanto anónimos coma procedentes da cultura popular como poden ser Madonna, James Dean, Prince, Jean Genet ou otros de carácter máis familiar ou incluso algún descoñecido.
Intento falar de memoria, de disidencia e de resistencia, pero tamén de dor, de sacrificio e de martirio. Seguramente se trate do proxecto máis persoal e máis profundo ó que me enfrontei nunca, síntese case como espir un pedazo de alma. O título da mesma ven dado por unha reflexión arredor das cartas de tarot que tantas veces emprego nas miñas pezas, e especificamente a través da do Mago: <<Todo o que está escrito enriba ocorre abaixo>>.
Todas as miñas experiencias vitais leváronme a que hoxe estea aquí escribindo isto e creando pezas de arte para que se alguén se ve reflectido nas mesmas saiba que non está só. “
No ano 2022 Iago gañou o premio Xuventude Crea de Artes Plásticas coa obra Comerse o Mundo. O seu traballo formou parte de diversas exposicións individuais e colectivas coma Love is love, Restory Books, A Coruña(2025) o certame artístico Novos Valores do Museo de Pontevedra (2021), Ffoco (2018) ou o XII Encontro de Artistas Novos de Galicia (2022).