“A Memoria da Ditadura” será analizada este venres e sábado na Facultade de Historia da USC

Con motivo do 50 aniversario da morte do ditador Francisco Franco, a Fundación Luis Tilve e a Universidad Internacional Menéndez Pelayo reúnen a un recoñecido grupo de historiadores, xornalistas e políticos co obxectivo de achegar á cidadanía a verdade histórica fronte a relatos falsos.

Os vindeiros días 26 e 27 de setembro, na Aula 5 da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela (Praza da Universidade, 1), a Fundación Luís Tilve e a Universidade Internacional Menéndez Pelayo – Galicia desenvolverán o curso: “A Memoria da Ditadura. Análises historiográficos do réxime Franquista”, cuxo obxectivo é fomentar os valores democráticos entre a cidadanía, especialmente entre os máis mozos, en contraposición a realidade que supoñen os rexímenes autoritarios, e formar a historiadores e profesores na necesidade de contribuír ó coñecemento veraz da nosa historia contemporánea, xa que como dicía Hobsbawn, os historiadores teñen a obriga de recordar o que outros queren esquecer, para aprender do noso pasado e non repetir os mesmos erros.

En palabras do historiador e Director do curso, Guillerme Pérez Agulla, “cando se cumpren 50 anos da morte do Ditador, Francisco Franco, e por primeira vez un sistema democrático se prolonga máis no tempo que a Ditadura, na Fundación Luis Tilve consideramos que era o momento de recapitular e analizar unha etapa clave do noso pasado incómodo, dende a rigorosidade histórica e o estudo metodolóxico, ferramentas claves para evitar a repetición de pretéritos infames e fomentar o coñecemento e a información fronte ós bulos e ó negacionismo histórico que parece estar en voga hoxe en día”.

Para elo, se contará con recoñecidos historiadores e xornalistas de toda España, tales como Xosé M. Núñez SeixasPremio Nacional de Ensayo (2019), Catedrático da USC e Vicepresidente do Consello da Cultura Galega, que abrirá a xornada do venres 26 de setembro, coa conferencia: “Nacionalismo en tempos de Nacionalcatolicismo”. Lle seguirán o Catedrático da USC, Lourenzo Fernández Prieto, Director do Proxecto interuniversitario Nomes e Voces e do grupo de investigación HISTAGRA, que falará, dende a súa experiencia no estudo da represión, dun tema pouco tratado ata o de agora, os represores, co relatorio: “Vitimarios no Franquismo. Unha memoria incómoda”. O doutor en historia, xornalista e Director da UNED en Ourense, Jesús Manuel García Díaz, intervirá para envorcar os resultados das súas investigacións sobre “A represión do maxisterio en Galicia”. Xa pola tarde, o Catedrático da USC, Emilio Grandío Seoane, Coordinador do Grupo de Investigación HISPONA, do Proxecto Europeo sobre a cultura do fascismo e antifascismo (EUCODE), e da Red Española de Estudios Históricos de Inteligencia (RESHINT), que acaba de publicar “La España espiada. Redes de inteligencia durante la segunda Guerra Mundial”,  que presentará os resultados destas últimas pescudas coa disertación “A información, pilar da ditadura, orixes e desenvolvemento dos servizos de intelixencia en España”. A continuación, Francisco Redondo Abal, historiador e bibliotecario da USC, disertará sobre a “O Tribunal de Orde Público (TOP) e o control da liberdade en Galicia”. Continuará o catedrático de Historia pola Universidade de Vigo, Julio Prada Rodríguez, recoñecido pola súa intensa labor na investigación da etapa republicana e franquista en Galicia, que lle valeu o premio de investigación histórica “Antonio Fraguas”, quen tratará sobre “Franquismo e represión de xénero en Galicia”. Pechará a xornada o recoñecido xornalista de investigación e doutor en historia pola Universidade de Alacante, Mariano Sánchez Soler, autor de “Los ricos de Franco” e “La familia Franco, S.A.” (actualizada e reeditada este mes), gañador do premio internacional Rodolfo Walsh, e colaborador da Cadena SerLe Monde Diplomatique, ou Tiempo entre outros, que dará a conferencia: “Franco S.A. e os ricos magnates da Ditadura”.

A xornada do sábado 27 comezará coa conferencia maxistral do historiador da Universidade de Grenoble (Francia) Nicolás Sesma, que está tendo un gran éxito editorial coa súa obra “Ni una, ni grande, ni libre”. Sesma, gañador do premio Miguel Artola e que fixo carreira como investigador nas universidades de Florencia, Zaragoza, Madinson Wisconsin, ou Columbia, falará sobre “O Réxime franquista. Unha comparativa histórica”. A continuación, a xornalista Montse Fajardo Pérez, que centrou a súa actividade dos últimos anos na investigación e a recuperación da memoria histórica dende unha perspectiva feminista, coa publicación de numerosos traballos, polos que recibiu premios como o Xohana Torres de ensaio, ademais de coordinar proxectos como “A memoria das mulleres”, presentará os resultados da súa última investigación “O Patronato de Protección a la Mujer. Un exemplo da subordinación de xénero baixo o réxime Franquista”, que aborda o infame pasado dunhas vítimas pouco recoñecidas ata o de agora, e cuxa memoria estaba silenciada. O curso pecharase coa Mesa Redonda “A procura da liberdade baixo o Réxime Franquista. Unha nova xeración en pos da democracia”, na que participarán Fernando González Laxe, expresidente da Xunta de Galicia; Salvador Fernández Moreda, expresidente da Deputación de A Coruña; José López Orozco, exalcalde de Lugo; e Fernando Salgado García, xornalista e exconselleiro de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, que falarán das súas vivencias no Franquismo e nos albores da Transición. A mesa será moderada polo Decano da Facultade de Xeografía e Historia, Antonio Míguez Macho, quen xunto a Lourenzo serán os encargados de elaborar o Censo estatal de vítimas de Guerra Civil e a ditadura. Na clausura intervirá o Decano e a Directora da UIMP Galicia María Jesús Lorenzo Modia.

Comparte éste artículo
No hay comentarios