Santi Rodríguez, adestrador do Auriense: “A Supercopa ten sido unha proba máis de que, se facemos as cousas ben, os resultados rematan por chegar”.
O Campo da Universidade de Ourense acollía o pasado sábado a celebración da Supercopa de fútbol gaélico masculina e feminina, organizadas pola Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG). Os vencedores foron Keltoi (masculina) e Auriense (feminina)
A final masculina xogábase primeiro e remataba cun marcador de 2-21 (27) para o equipo vigués do Keltoi e 1-18 (21) para o Estrela Vermelha de Compostela. Deste xeito o Keltoi fai triplete na tempada 2024-25 dado que foi campión de Liga, Copa e agora Supercopa.
Xustamente o adestrador do Keltoi Julio Docampo, salientaba ese dato e amosaba a súa felicidade por sumar un terceiro título. “A verdade é que no Keltoi estamos moi ledos. Primeiro por poder darlle visibilidade a este deporte, que eu penso que é o máis importante. Canta máis xente nos coñece, seguro que hai máis xente que se achega a probar. E segundo, porque é o terceiro título que gañamos. Gañamos o ano pasado a Liga e maila Copa. Este ano empezamos ben gañando a Supercopa. Novamente contra do Estrela Vermelha como na final da Copa. Estamos moi ledos”.
Sobre como foi o partido, Julio Docampo explicaba que o encontro foi “diferente. Se cadra dominamos máis este partido, aproveitando que eles tamén tiñan baixas. Xogamos un fútbol máis directo, non como adoitamos xogar, que acostuma a ser máis lento, máis ao toque. Ao non ter xogadores tan rápidos, sempre nos convén máis. Pero bueno, saíu ben a nova estratexia e nada… estamos moi ledos”
Pola súa banda, Rober Casas , adestrador do Estrela Vermelha, achegaba a súa visión da final da Supercopa: “Foi un partido competido. Máis alá do resultado, sacamos conclusión positivas tendo en conta as circunstancias, o momento da tempada no que estamos, as baixas moi importantes que tiñamos, nomeadamente en defensa, as circunstancias que se foron dando tamén durante o partido (estivemos 10 minutos cun xogador menos por unha expulsión), e aínda así fomos quen de minimizar danos. Tendo en conta todo isto, tiramos conclusións positivas. Malia derrota, que sempre preferiríamos ter gañado, pero ímonos con boas sensacións a nivel actitude dos xogadores de cara a seguir traballando para seguir pelexando polo menos por todos os títulos que é o que pensamos que ten que seguir facendo o Estrela Vermelha”.
“Cómpre felicitar aos gañadores. Keltoi e Auriense que o fixeron moi ben e demostraron que continúan a ser os rivais a bater”, apuntaba Rober Casas desde o banco do Estrela Vermelha.
Santi Rodríguez, adestrador do Auriense: “Somos un equipo que traballa duro e que sempre quere máis
No caso da final da Supercopa feminina o conxunto ourensá, o Auriense, vencía por un tanteo de 6-19 (38) ao Turonia Gondomar que anotaba 5-11 (26). O Auriense fora campión de Copa e subcampión de Liga e súmalle agora ao seu palmarés a Supercopa da tempada que remata.
O adestrador do Auriense, Santi Rodríguez, declaraba logo de vencer na final da Supercopa que había “pouco que dicir. O xeito de entrar ao campo e de xogar reflicte o que somos: un equipo que traballa duro e que sempre quere máis. Un equipo no que todas bogan xuntas na mesma dirección. Un conxunto que non teme a ningún rival. Esta Supercopa ten sido unha proba máis de que, se facemos as cousas ben, os resultados rematan por chegar”
Desde o banco rival, Juan Fernández, adestrador do conxunto de Gondomar, explicaba tras a disputa da Supercopa: “Desde Turonia aceptamos o convite á Supercopa como unha boa oportunidade para testarnos antes do inicio da tempada 2025-2026. Actualmente o noso equipo está en pleno proceso de restauración. Temos varias xogadoras novas. Neste encontro tres delas fixeron o seu debut. Foi para elas o seu primeiro partido de fútbol gaélico. Ante esta falta de xogadoras acudimos en amalgama con Estrela Vermelha. Xustamente o Estrela Vermelha será o noso primeiro rival na Liga, que comeza a semana próxima”.
O técnico do Turonia Gondomar sinalaba que “ao respecto do desenvolvemento do partido, fixemos unha proposta inicial na que tivemos que facer varios axustes debido a que os obxectivos que marcamos non se cumpriron, tanto no ataque como na defensa. Ao longo do partido, na segunda metade, houbo aspectos que se conseguiron corrixir, mais non puidemos facer fronte ao dominio de Auriense, que con nove xogadoras xustas, foron xustas merecedoras do triunfo neste partido. Con todo, non quero desmerecer o esforzo de ningunha das nosas xogadoras, tanto no equipo de sempre, como as do Estrela Vermelha que viñeron en amalgama con nós, e esas xogadoras que fixeron o seu debut”.
Auriense e Lorchas vencen no Torneo de Apertura
A maiores, tal e como estaba previsto, celebrouse á mañá o Torneo de Apertura no mesmo escenario, o Campo da Universidade de Ourense. Unha competición de carácter amigable, na que estaban convidados a participar o resto de equipos que competirán na Liga. Na categoría masculina gañou o Auriense e na feminina as Lorchas (un conxunto de nova incorporación que chega pisando forte).
Que é a AGFG?
A Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG) é o organismo regulador oficial do fútbol gaélico en Galicia, dende a súa aprobación oficial na convención Europea dos deportes gaélicos en decembro de 2013, o cal garántelle de carácter oficial internacional recoñecido polo máximo órgano, a Gaelic Athletic Asociation (GAA).
Boa parte das actividades da AGFG intégranse dentro da RFGF (Real Federación Galega de Fútbol).
PuntoGal é un dos patrocinadores da AGFG que ademais emprega na súa web o dominio www.gaelicogalego.gal.