O PP lucense afea a Sánchez o descoñecemento da realidade da provincia tras asegurar que “a A-54 está plenamente operativa” e urxe ao Ministerio de Transportes o remate da autovía

Barreiro considera “intolerable” que en poucos meses “o Goberno de Sánchez diga tres cousas diferentes sobre a A-54” e cre “os lucenses non podemos agardar nada dun Goberno que nin entre eles mesmos se entenden, nin tampouco do PSOE nin do BNG, que permite a situación”.

A presidenta provincial do PP e voceira municipal, Elena Candia, afea dende Palas de Rei acompañada por alcaldes, deputados e senadores o descoñecemento da realidade da nosa provincia por parte de Pedro Sánchez tras asegurar que “esta autovía A-54 está plenamente operativa” e amosa a súa preocupación porque “todo parece indicar que non se van cumprir os prazos anunciados”. 

Así mesmo, subliña a “falta de comunicación dos representantes socialistas da provincia -tanto o presidente da Deputación como o alcalde da capitalidade- co presidente do Goberno en relación a esta infraestrutura da que deberían estar moi preocupados”. Pero tralas últimas declaracións do presidente, evidénciase que “non están preocupados, nin fan seguimento, nin informan correctamente ao presidente do Goberno nin teñen interese no remate desta infraestrutura”.

Polo tanto, os populares pídenlle ao presidente do Goberno que se desculpe ante os lucenses e ao PSOE e BNG “que se sumen a esta reivindicación para que o Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible rectifique”, segundo manifestou Francisco Conde. E, ante o incumprimento dos prazos, o deputado no Congreso asegura que “o que precisa Lugo é transparencia e compromiso claro coa palabra dada por parte do Goberno” ante a falta de infraestruturas de comunicación.

O alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, explica que “esta autovía é importante para comunicar o municipio e a comarca con Lugo ou Santiago” e tamén “para darlle acceso aos camións que pasan polos medios das nosas vilas a diario causando trastornos no tráfico ordinario”. Así, lamenta “o estado de execución desta importante infraestrutura que os veciños levamos anos agardando e que parece a cuestión de nunca acabar” toda vez que “as datas que daba o Ministro en febreiro están, a todas luces, incumpridas”.  Así mesmo, condena que “o señor Besteiro se alegre das desgraza da provincia” e, polo tanto, “non agardamos que defenda a A-54”.

UNHA AUTOVÍA E TRES VERSIÓNS DO GOBERNO

José Manuel Barreiro considera “intolerable” que, en escasos meses, “o Goberno de Sánchez diga tres cousas diferentes sobre a A-54”. O propio Ministro de Transportes y Movilidad Sostenible, Óscar Puente, anunciara en febreiro na inauguración do tramo Palas de Rei – Melide que esta autovía estaría rematada este ano -e, incluso que, os 6 km que discorren entre o enlace de Melide Sur e a saída de Santiso, estarían este verán-; pero, a comezos deste mes e en resposta ás preguntas formuladas polos senadores do PP de Lugo, non confirma o prazo anunciado limitándose a asegurar que traballan para “finalizar o antes posible o último tramo”. E, este mesmo mércores, o propio presidente do Goberno aseguraba no Congreso que a A-54 está plenamente operativa. 

O senador popular cre que “os lucenses non podemos agardar nada dun Goberno que nin entre eles mesmos se entenden, nin tampouco do PSOE nin dos seus socios, o BNG, que permiten esta situación”.

INFRAESTRUTURA ESTRATÉXICA

Os representantes do PP lucense no Congreso, no Senado, no Parlamento de Galicia e nos Concellos unen forzas para reivindicar a importancia da autovía A-54 e esixir a finalización das obras e a súa posta en funcionamento da totalidade desta infraestrutura estratéxica que permitiría conectar as cidades de Lugo e Santiago de Compostela en menos dunha hora. Candia subliña que “os lucenses non queremos ser máis que ninguén, pero tampouco seguir sendo ignorados polo descoñecemento que ten o presidente do Goberno da nosa provincia”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios