As Xornadas de Pensamento e Creación que veñen celebrándose en colaboración entre a Universidade de Vigo e a Aula Castelao de Filosofía, o presente ano dedícase a conmemorar o 75 aniversario de Castelao.
Celebraranse o xoves 16 e o venres 17 de outubro a partir das 19:00 h. na Casa das Campás, no vicerreitorado da Universidade de Vigo en Pontevedra.
Como todos os anos, combinan unha palestra cunha actividade creativa. Nesta ocasión o primeiro día, o xoves 16, ás 19:00 h. Impartirá a súa conferencia o escritor Manuel Rei Romeu co título “A creación literaria de Castelao”. Ás 20:30 Concerto de Ugia Pedreira.
O venres 17, ás 19:00 h. Conferencia do profesor Paulo Porta Martínez co título “A creación artística de Castelao”. Ás 20:30 proxección do documental “As cruces de pedra na Bretaña (O retorno)” de Xoán Carlos Garrido Couceiro.
● Manuel Rei Romeu. Profesor de Lingua e Literatura Galega, especialista na obra de Castelao, de quen publicou os seguintes estudos:
○ Arte e Verdade. A obra literaria de Daniel Castelao, 1991, Edicións do Cumio.
○ Castelao e Sempre en Galiza, 1996, Laiovento.
○ Afonso Daniel Castelao, 1999, A Nosa Terra.
○ Volver a Castelao, 2011, Asociación de Escritores en Lingua Galega.
Participando en multitude de taballos colectivos, congresos e palestrar sobre este autor. Recentemente vén de publicar: “Castelao, desta terra e deste tempo” coa editora Tempo Galiza.
● A Pedreira & Alejandro Vargas. Ugia Pedreira. Compositora e intérprete. Folk, ska, electrónica, latin, trad… O de Ugia é explorar texturas e dimensións, tanto á hora de compoñer coma coa súa voz. O traballo que agora presenta, o disco Segmento cantábrico xunto co minipoemario Atalaia Norte, é o primeiro que asina como A Pedreira. Porque nel está e non está a Ugia de Chouteira, de Ecléctica Ensemble, de Marful, de Nordestin@s, de Acrobata ou A comuna del Barruzo. Afirma o xestor cultural Xavier Campos que este novo proxecto, que combina folk electrónico con spoken word e poesía, é “un disco xeneroso, cheo de leccións e aprendizaxes que non se ofrecen, son. Un disco que vai perdurar, que abre unha nova etapa, despois de deconstruír o palco e mirar de fronte a esencia”. Alejandro Vargas é compositor e pianista cubano Foi profesor de Harmonía e Piano Popular na Cátedra de piano da Universidade da Habana (ISA) entre 2006 e 2008. Tamén é compositor adxunto á Escola Internacional de Cinema de San Antonio dos Baños, onde traballa como compositor de música para curtos audiovisuais e documentais.Actualmente desenvolve un intenso traballo sobre a improvisación libre e o free jazz. A dúo co excelente baterista Luis Alberto Legido presentan o seu máis recente traballo coa gravación do CD OperSuite e realizando MasterClass en diversos foros. Desenvolven un amplo percorrido musical, desde o abstracto ata o máis tradicional, onde os estándar de jazz e a música popular cubana, son levados á estética da improvisación libre, onde se exploran e extralimitan a forma tradicional de tocar o seu instrumento incorporando diferentes obxectos sonoros que enriquecen a súa linguaxe, son e performance.
● Paulo Porta Marftínez. Profesor e pintor. Comezou os seus estudos sobre a obra de Castelao en Valencia, onde se licenciou en Belas Artes e onde investigou a actuación deste creador durante a guerra e concretamente o desenvolvemento dos seus albumes de Guerra, coa publicación da obra: “1937, Castelao e Souto en Valencia”. Logo continuou estudando o conxunto da creación artística de Castelao intervinto en multitude de congresos e palestras.
● Xoán Carlos Garrido Couceiro. Profesor de filosofía e autor de estudos sobre Castrelao como “O pensamento de Castelao” ou “Castelao contra Piñeiro, Piñeiro contra Castelao”. Membro da asociación cultural “Vagalumes” no marco do cal se desenvolve un estudo colectivo sobre os cruceiros da comarca de Tabeirós-Terra de Montes, a raíz do cal se leva a cabo este proxecto dun documental que volve sobre os pasos de Castelao, 90 anos despois, para lembrar a súa viaxe a Bretaña para estudar as súas cruces. No documental faise un repaso da situación actual daqueles monumentos que deixou reflectido Castelao na súa obra “As cruces de Pedra na Bretaña”, lembrando as análises que sobre elas facía este creador e investigador.