O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, e a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, presentaron esta mañá a I Feria de Formación e Educación, que se celebrará o 6 de novembro no auditorio de Ferrol. “É moito máis que un evento, é unha xanela aberta ao futuro, un espazo onde os estudantes poderán descubrir as infinitas posibilidades que se abren ante eles”, afirmou o rexedor.
Tomar decisións sobre o próximo paso na súa traxectoria académica e profesional pode ser un desafío para o alumnado. “Esta feira é unha oportunidade única para a orientación vocacional e profesional dos estudantes da nosa comarca”, engadiu Rey Varela.
Pola súa banda, a vicerreitora quixo amosarlle o seu agradecemento ao Concello por impulsar esta iniciativa e contar coa colaboración do Campus Industrial de Ferrol “nun evento que nos ofrece a oportunidade de darlle a coñecer aos centros educativos da comarca a ampla oferta de titulacións da Universidade da Coruña (UDC) e, en particular, as do campus ferrolán, moitas delas únicas no Sistema Universitario de Galicia (SUG)».
Destacou tamén Ana Ares que se trata de «títulos de grao estreitamente vinculados coa industria da contorna e de Galicia, e cunha alta taxa de inserción laboral». Ademais, sinalou que «esta feira é un punto de encontro para que a mocidade poida coñecer máis de preto as titulacións e resolver dúbidas sobre os estudos e as súas saídas profesionais consultándolle directamente ao persoal, ao profesorado e ao estudantado do campus».
UNHA OFERTA AMPLA E VARIADA
A auditorio acollerá 18 stands nos que estarán representados as tres universidades públicas galegas – a Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Universidade de Vigo (UVigo) e a Universidade da Coruña (UDC) – xunto coa Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE) e o Centro de Estudios Superiores Universitarios de Galicia (CESUGA). A nivel nacional participarán a Universidad Europea, a Universidad de Navarra, a Universidad Nebrija e o Centro Universitario de Tecnología y Arte Digital (U-Tad). Tamén terán un espazo de seu o Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG), a Escola Superior Marcelo Macías, Atlantic Air Academy e Air Hostess Coruña.
Con todo, non podían faltar nesta I Feira de Formación e Educación os stands da Policía local de Ferrol, da Policía Nacional, da Garda Civil e das Fuerzas Armadas, xunto co do parque de bombeiros da cidade. “Un abanico de posibilidades que se estende máis aló das aulas, mostrando aos nosos mozos as diversas opcións que existen para construír un futuro sólido e prometedor”, matizou o rexedor.
O stans poderán visitarse, en horario de mañá, de 10.00 a 14.00 horas, tendo os centros educativos que solicitalo previamente no correo electrónico educacion@ferrol.es antes das 14:00 horas do mércores 29 de outubro. Neste momento, están xa apuntados 15 centros para visitar a feira. Mentres que pola tarde, de 16.00 a 17.30 horas, estará aberto ao público en xeral.
EXHIBICIÓN VEHÍCULOS GREENPOWER
Ao longo da xornada, e na zona exterior do Auditorio Municipal, o alumnado e público xeral participante nesta I Feira de Educación e Formación de Ferrol poderá coñecer, de primeira man, os dous vehículos eléctricos cos que a Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) compite nas carreiras Greenpower a nivel autonómico e nacional. O primeiro destes vehículos fabricouse botando man dun kit proporcionado por Greenpower Iberia, pola contra, o segundo coche foi deseñado e construído, de xeito íntegro, polo estudantado de grao e de máster deste centro do Campus Industrial de Ferrol.
O obxectivo destas carreiras é o de percorrer a maior distancia posible, ou o que é o mesmo, dar o maior número de voltas ao circuíto, usando un único par de baterías eléctricas sen a posibilidade de recargalas ou de cambialas durante o percorrido. O Proxecto Greenpower na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) está liderado polos profesores José Manuel Amado e Emilio Sanjurjo, o primeiro é o coordinador da iniciativa e o segundo o director técnico do EPEF Racing Team I e do EPEF Racing Team II.
No seu palmarés, figuran, entre outros galardóns, o primeiro premio na II Carreira Greenpower de Galicia (As Pontes, A Coruña – 18 de xuño de 2025) e o terceiro posto na Greenpower Iberia UPCT South-East (Cartagena, Murcia – 1 de decembro de 2024).
O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, rematou a presentación insistindo en que “esta feira é un investimento no futuro, unha aposta polo talento dos nosos mozos”, e aproveitou para “convidar aos alumnos a participar, a descubrir as oportunidades que se abren ante eles e a construír un futuro brillante”.