Azul do Atlántico Ilustración e Pakolas xuntan a súa arte e ingredientes galegos para cociñar e servir este prato ben quentiño.
XA ESTÁ DISPOÑIBLE o novo clip musical rockeiro «Caldo de repolo»
As protagonistas indiscutibles deste novo clip son as patacas, o repolo, as fabas, o unto e os chourizos, todo ingredientes desta receita musical. E se prendemos o lume nunha boa cociña galega e as facemos rockear? Pois saénos un delicioso caldo de repolo listo para papar, collede a culler! Sabe ben esta nova canción?
Outra das protagonistas é a creadora Azul do Atlántico Ilustración, que nos preparou con tanto agarimo e bo facer a produción deste novo vídeo, con montaxe e ilustración. A técnica empregada para este vídeo clip é o stopmotion, coa creación das personaxes a partir das formas dos ingredientes do caldo con cores vivas e coa axuda da acuarela, gouache, lapis de cores e pintura acrílica. Estas personaxes adquiren mobilidade a través dun storyboard coa idea principal, e algunhas escenas que foron desenvolvéndose cos elementos principais. En definitiva unha cámara, unha mesa chea de recortes e de personaxes, e moitas horas de fotos e montaxe, e por suposto moita arte de ilustración!.
Esta nova canción formará parte do espectáculo «Ecoralia a lambona ecolóxica» estreado tamén no ano 2025, e que está a percorrer Galicia coa súa xira rockeira. En próximas semanas estará dispoñible tamén nas principais plataformas dixitais de escoita.
Paco Cerdeira, ou Pakolas, nome co que se presenta ante o público infantil, é músico e compositor, cunha longa traxectoria neste eido profesional, sumando máis de 20 anos en diferentes bandas de música infantís. Defínese como rockeiro e guitarreiro, creando música para tódolos públicos, dende os máis miúdos ata familias ao completo, “música para todos e todas e letras axeitadas aos máis cativos e cativas”. Despois da edición dos librodiscos de “Pakolas” no ano 2017, de “Ramona Órbita a dona do tempo” en 2020, e “A Ramona pequena vai á Lúa” en 2023, e da formidable acollida por parte do público agotando a súa primeira impresión en tan só 5 meses, no final de 2024 chega o seu cuarto traballo musical “Ecoralia a lambona ecolóxica” promovido polo CRAEGA, Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica da Xunta de Galicia.

 
			 
		 
		 
		
 
		 
		 
		