O delegado territorial, Javier Arias, participou nun foro promovido polo club empresarial Nordés para analizar os desafíos e oportunidades neste ámbito.
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, participou hoxe en Lugo na apertura da xornada sobre economía verde promovida polo club empresarial Nordés, co foco posto nos desafíos e oportunidades do sector agroalimentario.
Arias defendeu que a provincia lucense “destaca pola súa capacidade para xerar proxectos ligados á economía verde, á biotecnoloxía e á transformación” neste ámbito, “demostrando que é posible crecer mantendo o equilibrio entre desenvolvemento económico e respecto polo territorio”.
O delegado resaltou a aposta do Goberno galego por impulsar a modernización e o liderado tecnolóxico nun sector que achega arredor do 6,4 % do PIB galego, emprega a máis de 100.000 persoas – especialmente no medio rural – e que acadou en 2024 un volume de exportacións superior aos 4.000 millóns de euros.
Tamén apuntou algunha das liñas estratéxicas coas que a Xunta está a impulsar a innovación no eido agroalimentario galego, como a Business Factory Food (BFFood), a primeira aceleradora de Galicia especializada na industria da alimentación, que ten prestado apoio a varios proxectos innovadores de firmas lucenses.