A Laracha, presente no 3º Festival das Artes de Les Sables D´Olonne”

O alcalde, José Manuel López Varela, encabeza a expedición no municipio francés co que o Concello está irmandado desde o ano 2010.

A Laracha está presente nestes días na terceira edición do Festival das Artes de Les Sables d’Olonne, o municipio francés co que está irmandado o Concello.

A expedición larachesa está encabezada polo alcalde, José Manuel López Varela, e conta tamén coa participación das concelleiras Almudena Martínez (Grupo de Goberno)e Carolina Castiñeiras (grupo do BNG), así como de representantes de diversas asociacións culturais, sociais e deportivas do termo municipal.

A artista caionesa Maribel Castiñeira “XMÑ” participa no festival cunha exposición da súa obra de pintura intuitiva, contribuíndo a dar visibilidade á creatividade e ao talento local nun contexto internacional.

Durante a xornada de hoxe a delegación da Laracha foi recibida oficialmente por CorineGino, concelleira delegada de Irmandamentos de Les Sables d’Olonne, xunto con outros membros da Corporación municipal e representantes do Comité de Irmandamentofrancés.

O programa de actividades incluíu unha visita ao primeiro barco gañador da VendéeGlobe, a prestixiosa regata de vela que parte dende o porto de Les Sables d’Olonne e na que os participantes dan a volta ao mundo en solitario, sen escalas nin asistencia. Ademais de acudir á inauguración oficial do Festival das Artes, os representantes laracheses terán ocasión de coñecer o parque temático Puy du Fou e as históricas Salinas da rexión, exemplos do patrimonio cultural e natural da zona.

Esta viaxe supón unha nova oportunidade para fortalecer os lazos de amizade e colaboración entre A Laracha e Les Sables d’Olonne, promovendo o intercambio cultural, social e turístico entre ambas comunidades. A delegación regresará á Laracha o vindeiro luns tras completar unha intensa fin de semana de convivencia e cooperación internacional.

Comparte éste artículo
No hay comentarios