O PP de Lugo denuncia o engano de Sánchez a Besteiro: O Goberno incumpre a promesa e a autovía A-74 non arranca en 2024

O PP lucense advirte de novo que “nestes dous anos de lexislatura o Goberno de Sánchez non avanzou nada na construción da autovía da Mariña, a A-74”, sobre a que o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, anunciaba -durante a campaña das xerais do 2023 nas que era candidato ao Congreso- que se iniciarían as obras no ano 2024.

O deputado mariñán Jaime De Olano explica que “dende o Congreso comprobamos recentemente como vai o proxecto da A-74, a autovía que debería unir a A-8 en Barreiros co porto de San Cibrao (Cervo) e, novamente, nos levamos unha sorpresa negativa”. En resposta oficial a unha pregunta parlamentaria presentada polos deputados do PP da provincia na Cámara Baixa, “o Goberno de Pedro Sánchez recoñece que non avanzou nada na construción desta autovía”.

Non hai ningunha novidade sobre o tramo (Burela – San Cibrao), os tramos O Carme-Foz e Foz-Burela continúan en redacción e sobre o tramo Barreiros – O Carme está en redacción na actualidade o informe das alegacións recibidas durante o período de información pública.

O popular cre que se trata dun exemplo máis “do maltrato constante á provincia de Lugo por parte do Goberno de Sánchez”; e “unha tomadura de pelo aos mariñáns por parte do señor Besteiro, lucense e coñecedor da Mariña. Máis de dous anos despois do seu anuncio, os traballos non se iniciaron”.

“Un novo incumprimento do PSOE de Pedro Sánchez e un novo exemplo da complicidade dos socialistas galegos, os socialistas lucenses e tamén do BNG; moi reivindicativo en Galicia cando se trata de atacar á Xunta de Galicia, pero que nada di en Madrid respecto a todos os incumprimentos do Partido Socialista, do Goberno de Pedro Sánchez, con Galicia e coa nosa provincia”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios