Un auténtico derbi de poder a poder, cunha parte para cada equipo e con protagonismo dos dous porteiros, que defenderon ben o seu arco e impediron maior número de goles, sobre todo para un Camariñas que na segunda metade despuxo de grandes ocasións para levarse un partido que remataría finalmente en igualada. Un punto que serve ao Castriz para saír da zona de descenso e deixa ao Camariñas a dous da promoción.
Comezaba o partido con dominio local e uns visitantes que non atopaban o seu sitio, pero non conseguía o Castriz crear demasiado perigo pese a ter o balón, algo que nos minutos finais dese primeiro tempo o Camariñas conseguía revertir, achegándose cada vez máis a un Koke que estivo case de espectador moitos minutos. Non se movería o marcador antes do lecer, e na volta de vestiarios o Camariñas volvía ser ese equipo protagonista ca pelota que tiña en Soule e Mario ós homes rápidos que facían dano arriba. Non foi estraño que conseguiran adiantarse cun gran gol de Adam a balón parado, ao saque dunha falta moi preto do borde da área, pero esa vantaxe duraba moi pouco porque unha internada do Castriz pola esquerda culminaba co gol de Chapela que poñía ese 1-1 co que haberían de conformarse os dous equipos.